Nigrán 07-2018, mes de festas

Máis de 600 persoas participan o sábado no Concurso de Comparsas de Nigrán

Mañá sábado, 10 de febreiro, Nigrán dará comezo ao seu programa de Entroido, e o ferá co xa tradicional Concurso de Comparsas que, como os dous anos anteriores, terá lugar a partir das 20:30 horas e percorrerá o centro do municipio. Serán un total de 611 participantes agrupados en 13 comparsas das que 5 serán de Nigrán, 4 de Gondomar, 2 de Tomiño e outras dúas de Vigo.

O desfile de comparsas percorrerá a rúa Rosalía de Castro (á beira do Concello) dende o cruce con rúa Telleira ata a estrada do Ceán, realizando cada agrupación unha actuación á altura da Casa Consistorial, onde o xurado as avaliará. Tralo desfile a festa seguirá na Praza do Concello, onde ao rematar haberá unha gran verbena popular ata a medianoite a cargo do grupo Azar. Ademais, dende mañá o kiko do Centro Cultural e Recreativo de Parada quedará exposto no Auditorio Municipal.

Os actos continúan o luns 12 coa celebración do entroido infantil a cargo de Volvoreta e Voltereta dende as 17:00 horas e, o sábado 17, cun baile para maiores dende as 18:00 horas coa música en directo do Trío Armonía. Ambas actividades celebraranse no Auditorio Municipal e se servirá unha merenda.

O entroido finaliza o sábado 24 en Nigrán co tradicional enterro do 'kiko' que, este ano, volverá a partir ás 18:00 horas dende o Concello ata a parroquia de Parada tirado por un carro de bois. Dende as 19:00 será velado na praza da Igrexa. Trátase dunha actividade cultural organizada xunto ao Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor, artífice desta tradición.

O alcalde de Nigrán, Juan González, sinalaba que a programación do Entroido busca "que teñan cabida tódolos públicos e tamén con actividades específicas para o desfrute dos nenos e dos maiores", ademais, puntualizaba o alcalde, "queremos poñer en valor as tradicións máis locais como é o caso do Enterro do Kiko, ao que lle daremos o sábado 24 total protagonismo", Juan González.