Concello e Deputación inician obras de emerxencia en Camos polos desprendementos consecuencia dos incendios

Cando están a piques de cumprirse tres meses dende os incendios que arrasaron o sur de Pontevedra, Nigrán vive agora, na parroquia de Camos ─unha das máis afectadas polo lume xunto con Chandebrito─ as consecuencias daquel outubro negro: a perda de masa forestal e as últimas choivas provocaron escorrentías e inundacións no barrio de Piñeiro, en Camos, arrastrando á estrada provincial lama e rochas.

Juan González asegura que "é unha consecuencia directa do lume, a erosión causada no terreo fai que a auga baixe sen freo algún dende Chandebrito, xa que nos atopamos nunha zona de gran pendente. Era algo que nunca sucedera e vémonos na obriga de actuar de urxencia".

O lugar afectado, no que o Concello de Nigrán e Deputación de Pontevedra, en colaboración coa Comunidade de Montes de Camos, están xa realizar obras de emerxencia, abrangue un treito de 150 metros da estrada de Piñeiros, que une Camos e Chandebrito.

As obras consisten no retranqueo dun metro máis na marxe da estrada afectada, nova canalización de pluviais, construción dun noiro cunha inclinación maior (terá unha distancia de 10 metros sobre a marxe máis desfavorable da calzada) e instalación dun muro de contención que impida os desprendementos sobre a calzada, ademais de habilitar novos aliviadoiros para evitar asolagamentos. Por outra banda, retiraranse árbores e rochas do monte nunha marxe de seguridade de 10 metros sobre a estrada.

"Trátase dunha obra de carácter urxente na que a resposta da Deputación tralo requerimento do Concello foi inmediata ao entender que se trata dun risco real", sinala Diego García, edil de Urbanismo.

O Castro de Chandebrito
Doutra banda, as choivas destes días volven a facer saltar as alarmas noutro punto delicado do Concello, o monte do Castro de Chandebrito.

Cómpre salientar que o Executivo que preside Juan González, na mesma semana dos incendios ─hai máis de dous meses─, pedía á Xunta que enviase técnicos para estudar, de xeito detallado, a situación dunha zona, afectada directamente polo lume, no que se asentan grandes rochas que, de desprenderse, poderían provocar grandes danos ás vivendas situadas ao pe do monte como aos vehículos que circulan pola rúa da Igrexa e camiño das Pereiras.

De feito, en outubro, na mesma semana dos incendios e a petición da Alcaldía de Nigrán, a Policía Local emitía un informe no que se alude a un “posible perigo de desprendemento ante unha riada ou choiva”, xustamente as condicións que agora se están a dar.

De feito, o alcalde Juan González, nunha entrevista concedida a Comarcas na Rede na que se analizaban as consecuencias dos incendios, recalcaba que se solicitaba aos técnicos da Xunta que valorasen se podería existir unha situación perigo. E deixaba ben matizado, o alcalde de Nigrán, o "podería existir" porque, afirmaba, "non o sabemos con certeza. Un pode achegarse ata alí, ver a situación das pedras, e pensar “isto pódese ir todo abaixo” e, non obstante, chegar os técnicos, facer as comprobacións oportunas cos medios de que dispoñen, e dicir, “non pasa nada porque as rochas están ancoradas moitos metros debaixo da terra e isto non hai que no mova”. Iso precisamente, é o que queremos saber para tranquilidade dos veciños e veciñas".

Dábase por suposto que a Xunta de Galicia ía a asinar un convenio coa Universidade de Vigo, para estudar a fondo a situación o castro de Chandebrito, pero de momento, e que se saiba, nin convenio, nin estudos técnicos dun tema que afecta, seriamente, á seguridade de moitos veciños e veciñas.