«Adrede Boutique Moda» e «Ópticas Roris» gañadores do concurso «Árbore e ambientación do Nadal»

Alcalde de Nigrán e representantes da Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor (OVALMI) entregaron hoxe a «Adrede Boutique Moda» e «Ópticas Roris» sendos diplomas acreditativos e cheques de 150 € tras resultar gañadores no II Concurso de Árbore e Ambientación Do Nadal, o primeiro na modalidade de «Creación e Decoración de Árbores de Nadal» e o segundo en «Ambientación de Nadal».

O concurso, concibido para estimular aos comerciantes a que fagan máis atractivos os seus escaparates durante esas datas, pretende axudar a dinamizar o comercio e, ao mesmo tempo, facer máis atractiva a imaxe do municipio nas festas.

O xurado valorou nestes escaparates a capacidade de atracción e xeración do desexo de compra en base aos criterios de composición e deseño e tendo en conta, ademais, a orixinalidade e a elaboración propia dos mesmos.