nadal 2018 nigran

Nigrán abre o prazo de inscrición para o concurso de comparsas de Entroido

O Concello de Nigrán abre ata o 2 de febreiro (inclusive) o prazo de inscrición no concurso de comparsas, que terá lugar o sábado 10 de febreiro ás 20.00 horas (en caso de choiva se posporá ao día 16 de febreiro). Nesta edición repartiránse 3.000 euros entre os doce primeiros clasificados, a diferencia do ano pasado no que eran 9 os premiados. Así, o gañador percibirá 600 € seguidos de 500 €, 400 €, 350 €, 300 €, 250 € e seis premios de 100 €.

A maiores, cada unha das comparsas pertencentes a asociacións culturais, deportivas e veciñais do municipio percibirán unha dotación adicional de 300 euros tan só por participar.

As bases mantéñense coma o ano anterior, así, as agrupacións deben contar cun número de participantes superior aos 20 membros, dos cales un mínimo de dez terán que ser adultos. Para poder optar aos premios é requisito indispensable inscribirse previamente no Rexistro do Concello (de luns a venres, de 9.00 a 14.00 horas) coa documentación pertinente (ficha de inscrición cuberta, fotocopia do CIF ou DNI, certificado de conta bancaria ou xustificante de estar ao corrente tanto en Facenda coma na Seguridade Social).

O Concello mantén a súa aposta de celebrar o desfile á noitiña e polo centro urbán. Así, este terá lugar o sábado 10 de febreiro ás 20.00 horas partindo da rúa Telleira, percorrendo Rosalía de Castro ata a estrada do Ceán, sendo a actuación de cada comparsa á altura da Casa Consistorial. Ao remate da última actuación terá lugar a entrega de premios. Se a previsión meteorolóxica fose adversa para ese día o desfile trasladaríase para o sábado 16 de febreiro (abriríase un novo prazo de inscrición ata o día 15).

O sorteo da orde de saída celebrarase o luns 5 de febreiro no salón de plenos municipal ás 12.00 horas. O xurado, pendente da súa designación, terá en conta para a concesión dos galardóns a orixinalidade, o vestiario, a actuación e o número de participantes de cada comparsa. Pode quedar deserto algún premio e de haber menos comparsas que premios o número destes axustaríase.

As bases están a disposición dos interesados na Oficina de Atención ao Cidadá do Concello, no Departamento de Cultura, no Facebook Concello de Nigrán ou na web municipal. Tamén poden descargarse dende esta ligazón.