Nigrán destina 21.000 euros á mellora do parque infantil de Panxón

O Concello de Nigrán traballa, nestes días, na mellora do parque infantil de Panxón, obras para as que destina algo máis de 21.000 euros (21.036 €) procedentes do Plan Concellos da Deputación e destinados á renovaciókn de elementos de xogo das áreas infantís. O parque de Panxón, tal e como sinala o alcalde, Juan González, "é un parque cunha grande afluencia e que tiña elementos moi deteriorados e obsoletos, motivo polo que consideramos prioritaria esta actuación".

Como novidade instalouse unha pirámide de trepar de corda, cunha altura de 6 metros e un diámetro de 10, unha tirolina de 25 metros de lonxitude e, ademais, renováronse catro columpios, dous deles con asentos para o uso simultáneo por adulto e bebé. Esta obra forma parte do plan de renovación integral de tres parques infantís do municipio (A Ramallosa, Camos e Panxón) por un montante total de 56.051€.

Juan González, avanzou que, nos vindeiros meses, "comezarán as obras para habilitar novos parques no Torreiro de Priegue, na praza José Vázquez Grela en Nigrán, praza do Torreiro de Parada ou no Poutón, en Vilariño".