«Peter Punk» e «Alfeizar» abren o programa de Nadal de Nigrán

As 18 horas de mañá martes e na Praza do Concello, Nigrán dará comezo ao seu programa de Nadal 2017, e o fará cun espectáculo para toda a familia a cargo de «Peter Punk», o nigranés que, nestes momentos é sen dúbida o mellor pallaso galego e que fará as delicias de grandes e pequenos co seu espectáculo «Chungo ke te cagas».

Isaac Rodríguez Miranda, «Peter Punk», ofrece este espectáculo que é unha actuación sen tregua, chea de humor e malabares, na que a comicidade se mestura coa habilidade na procura da gargallada do público. Gañador do Mundoclown 2008 e do Festiclown Rivas-Vaciamadrid 2013 e 2014, xirou por Brasil, Arxentina, Palestina, Italia, Portugal e multitude de festivais estatais e galegos. Con mais de 900 funcións realizadas, Peter Punk é un dos clowns de referencia, cun humor traste e fresco sen comparación.

As 19:00 horas, terá lugar o acendido do alumeado de Nadal e a inauguración do belén de Lupe Soto e, ás 19:30 horas, e no Auditorio Municipal, será a quenda do concerto de «Alfeizar», dúo formado por Beni Gago e Gonzalo «Gonzo» Alonso, un dúo que se define a si mesmo como «o mellor conxunto musical de lírica comarcal». “Se hai algo que caracteriza a estas novas promesas, é o talento levado á súa máxima expresión, tanto nas letras das súas cancións, de rabiosa actualidade, como na súa música moderna e directa, que fan as delicias de todo aquel que se abraia con elas”, resumen eles mesmos sobre un concerto que promete non deixar indiferente a ninguén.