Juan González, “deixar á veciñanza a responsabilidade de apagar un incendio, paréceme unha temeridade”

Case que un mes despois da tráxica fin de semana de outubro na que Galicia, es especialmente a provincia de Pontevedra, foi arrasada polos lumes forestais, Nigrán –concello no que dúas persoas perderon a vida– cura pouco a pouco as súas feridas.

O seu alcalde, Juan González, non é partidario de buscar culpables, si salienta a necesidade de unha maior coordinación entre administracións e, sobre todo, comezar a tomar medidas de cara a que, nunha situación similar, os concellos non se sintan nunha situación de desamparo. En todo caso, o rexedor de Nigrán, non dubida en asegurar deixar a responsabilidade de apagar un incendio de proporcións colosais en mans dos veciños, é unha temeridade.

Case que un mes despois dos lumes, cal é a situación de Nigrán
A nivel medioambiental, moi parecida aos días posteriores ao incendio. Estivemos inspeccionando lugares nos que o lume non foi excesivamente intenso, e a vexetación comeza un lento proceso de recuperación, porque a natureza cura o que o ser humano, polo que parece, está empeñado en destruir.

Cal sería a estas alturas, a máxima prioridade
Sen dúbida o monte do Castro en Chandebrito. É unha zona na que pode existir perigo para un grupo de vivendas situadas na ladeira. Non dicimos que sexa un perigo real, tan só que pode existir ese perigo e, nestes temas, sempre é mellor previr.
Temos pedido á Xunta de Galicia que nos informase de cal é a situación das rochas e que os técnicos examinen a zona para comprobar a existencia ou non de tal perigo.
Ata o de agora, o único que temos é unha autorización de Patrimonio para que os comuneiros poidan actuar no Castro.

monte do castro chandebrito

Sorpréndelle que a administración contestara a esta solicitude en tan só en tres horas autorizando a actuación no castro de Chandebrito?
Sorpréndeme positivamente. Pero é que en casos de emerxencia as cousas teñen que ser así. De feito ese problema puxémolo en coñecemento da administración autonómica cando viñeron comprobar, sobre o terreo, os efectos do lume. Teríanos gustado que, nese mesmo momento se tiveran tomado medidas urxentes, pero foi necesario que saíse en prensa para que, ás poucas horas, a Xunta tomase unha decisión firme ao respecto. Os medios de comunicación, neste caso, botáronnos « unha man» á hora de que se tomase consciencia de que podería existir unha situación perigo.

Repito que «podería existir», porque que non o sabemos con certeza. Un pode achegarse ata alí, ver a situación das pedras, e pensar “isto pódese ir todo abaixo” e, non obstante, chegar os técnicos, facer as comprobacións oportunas cos medios de que dispoñen, e dicir, “non pasa nada porque as rochas están ancoradas moitos metros debaixo da terra e isto non hai que no mova”. Iso precisamente, é o que queremos saber para tranquilidade dos veciños e veciñas.

Cun mes dende os lumes, que lectura se pode sacar do acontecido: falta de coordinación, de medios?
Non sei se se pode falar de descoordinación entre administracións, o que si é evidente é que non se estaba preparado para afrontar unha situación extrema como a que se deu. É difícil que se volvan a dar as circunstancias que se deron, un mes de outubro con nove meses de seca anteriores, con temperaturas de máis de 30 graos, con ventos fortísimos... claramente non se estaba preparado para iso.

Isto é incompetencia? Non o sei. O que si sei é que é unha situación nova e que non é momento de estar botándonos as culpas uns a outros. É hora de sentarnos e facer unha análise seria, estudar os motivos e tomar decisións que, na medida do posible, impidan que isto poida volver a producirse.
Que non están limpos? por suposto; que hai moitas especies que favorecen a propagación do lume?, sen dúbida; que hai probablemente algún tolo e algunha tola que prende lume nunha esquina, seguro que tamén. Todo isto podíase prever? Posiblemente non. Pero agora si que podemos previlo, agora si que sabemos que isto –oxalá non sexa así– pódese volver a producir.

Non creo que sexa o momento de pelexar, é o momento de reflexionar, mirar o que pasou e sacar as conclusións para que se dentro de un, cinco ou dez anos, se volva a dar unha situación extrema como esta, esteamos preparados para afrontala de inmediato. Esa é a lectura que temos que facer e as conclusións que temos que sacar.

Pero non houbo descoordinación?
Posiblemente, pero dado polo que dicía antes, porque era unha situación extrema e unha situación nova. Si e certo que a Xunta de Galicia ten que dispoñer os canles para que os responsables dos concellos teñan liña directa coa administración autonómica en casos como este. Non é de recibo, como se queixaba un alcalde do Condado, que estivese chamando durante unha hora ao 112 porque o lume os sobrepasaba por todos os frontes, e que tivera que escoitar a mensaxe de que os operadores estaban ocupados.
É certo que un alcalde non é máis importante que outro veciño, pero non é menos certo que un alcalde ten unha responsabilidade co conxunto da súa veciñanza e do seu municipio.

Logo está o tema da insuficiencia dos medios para loitar contra o lume...
Si. Esa é outra. Que os medios foron insuficientes? Sen ningún tipo de dúbida. Nigrán, dende o primeiro momento, estivo a pedir auxilio e non chegou absolutamente ninguén, estivemos literalmente sós.

Necesitase habilitar as medidas necesarias para que se poida mandar aos municipio xente moi preparada neste tipo de sucesos. O exemplo témolo nos en Chandebrito. A policía o fixo o mellor que puido en medio dunha situación de crise absoluta e dun medo que paralizaba ao máis valente. A pregunta é clara: eran eles os que tiñan que estar alí arriscando as súas vidas axudando aos seus veciños, ou tiña que estar alguén especialmente preparado para este tipo de actuacións?

Sería viable a formación da veciñanza para saber como actuar?
A formación é importante. É imprescindible que os nosos nenos, os nosos maiores e nós mesmos saibamos a importancia que ten a nosa natureza, a importancia de respectar unhas especies que son menos inífugas que outras, pero deixar a responsabilidade de apagar un incendio de proporcións colosais en mans dos veciños, paréceme unha temeridade.
Que se lles podería ensinar para que en casos de emerxencia saiban como actuar e estean mellor preparados para facelo?, por suposto, todo o que sexa aprender é positivo. Pero trasladar a responsabilidade de apagar un incendio como o que tivemos aquí, aos veciños repito que é unha temeridade.

Os concellos teñen competencias?
Non. Ningunha. Entre os tres concellos co Val Miñor temos o GES (Grupo de Emerxencias Supramunicipal), que ten 11 efectivos. Ese día, con semellante número de incendios, era materialmente imposible que puideran facer algo. Quen ten competencias, non o esquezamos, é Medio Rural da Xunta de Galicia e eles son os que tería que actuar.
Entendo perfectamente que a situación sobrepasoulles tamén a eles. pero hai que entender que en Nigrán, se non chega a ser polos veciños, o GES, Protección Civil e Policía Local e empregados municipais de distintos servizos como vías e obras, que todos eles fixeron moito máis do que lles sería esixible, ardería todo o municipio.

As parroquias máis afectadas polo lume?
Sen dúbida Chandebrito e Camos. En Chandebrito de 232 hectáreas de monte comunal, arderon 230 hectáreas e en Camos, de 390 hectáreas queimáronse 370 hectáreas. Creo que os números falan por si sós da situación que se viviu nas dúas parroquias.

Na parroquia de Parada que foi onde empezou o lume no concello, tamén se queimou unha superficie considerable pero non tanto como nas outras dúas.