Nigrán arranca hoxe a súa programación de outubro dedicada á recuperación da memoria histórica

A proxección do documental «Camilo, o último guerrilleiro de Galicia» ás 20:00 horas no Auditorio Municipal de Nigrán e con entrada de balde, abre a programación de outubro dedicada á recuperación da Memoria Histórica.

A programación deste ano inclúe a inauguración o venres da exposición «Rexas», a conmemoración da «Volta dos 9», a presentación do libro «Os nomes do terror» e do documental «Matriarcas», un concerto e lectura narrativa (estes tres a través do Instituto de Estudos Miñoranos) e finalmente, un acto no cemiterio de Parada.

«Camilo: o último guerrilleiro de Galicia» é un documental que expón a vida de Camilo de Dios, o último guerrilleiro que queda vivo en Galicia e cuxa historia será introducida por Xosé Lois Vilar, historiador do IEM que mantén contacto con esta persoa. A través deste documental se recupera a memoria histórica da guerrilla antifranquista, xa que Camilo é a única testemuña que pode dar voz a estas persoas.

camilo guerrilleiro

Os actos continúan o venres ás 20:00 horas no Auditorio Municipal coa inauguración da exposición «Rexas, Mulleres baixo o terror franquista» comisariada por Montse Fajardo a través da Deputación de Pontevedra. A mostra conta a historia da represión rexistrada en Pontevedra tras o golpe de Estado de 1936 dende o punto de vista das mulleres. Está disposta en 12 paneis con 78 fotografías e está dividida en tres bloques, sendo o primeiro o da contextualización histórica, o segundo para as diferentes tipoloxías de represión e unha terceira e última parte dedicada a recoñecer o labor solidario e resistente das mulleres, o seu apoio imprescindible á guerrilla, aos fuxidos, á xente presa e ás súas familias, ás viúvas e criaturas orfas, así como ao seu protagonismo na transmisión da memoria.

Un ano máis, o Concello de Nigrán conmemorará o sábado 14 a «Volta dos 9» cunha ofrenda floral ás 12:30 no xardín da memoria diante do Pavillón de Panxón (inaugurado o ano pasado) e ás 13:00 o concerto da Agrupación Musical Lira de San Miguel de Oia no mesmo lugar. O Concello participará tamén ese día xunto ao IEM nos tradicionais actos no Cemiterio de Sabarís e na curva da Bombardeira en Baiona. O tráxico suceso tivo lugar o 15 de outubro de 1936, cando se executaron a nove veciños do Val Miñor como vinganza e represión dos falanxistas polo suceso do día anterior en Sabarís, cando no asalto das forzas nacionais á casa dos irmáns republicanos “Os Ineses” morreron estos e tamén un dos falanxistas. Horas despois os partidarios do golpe de estado colleron a nove veciños detidos na prisión do Frontón, en Vigo, e os fusilaron na curva de A Bombardeira, en Baiona. Durante máis de 40 anos nove cruces apareceron pintadas nese punto como recordo dos falecidos e, aínda que as borraban e buscaron con esmero aos autores, estas sempre voltaron a ser debuxadas. Hoxe o lugar é un espazo para a memoria e as cruces se manteñen, agora impresas, como recordo de todo aquelo que sucedeu.“O tráxico suceso marcou á comarca durante xeracións e non se pode esquencer nunca, consideramos unha labor das institucións manter a Historia sempre viva para que así non se repita”, sinala Juan González, alcalde de Nigrán e historiador que precisamente recolle este suceso nunha das súas obras.

Asimesmo, o Concello de Nigrán organiza un ano máis o Día da Recuperación da Memoria Lingüística de Galicia vinculándoa tamén á memoria histórica. Este ano terá lugar o sábado 28 de outubro ás 12:00 horas no Cemiterio de Parada.

Ademais, a través do Instituto de Estudios Miñoranos, se presentará o martes 17 ás 20:00 horas no Auditorio Municipal o libro «Os nomes do terror.Galiza 1936», coa presenza de varios dos seus autores. Esta obra constitúe o primeiro achegamento sistemático ao estudo dos represores en Galicia que racha con este tabú nos traballos da memoria histórica e pon en negro sobre branco os nomes, as causas e as metodoloxías usadas polo terror. O seguinte martes, o 24 de outubro, será o turno da presentación do documental «Matriarcas» e o martes 31 de outubro a violonchelista Margarida Mariño ofrecerá un concerto no que se intercalará unha lectura narrativa sobre os acontecementos no Val Miñor os meses posteriores ao inicio da Guerra Civil. Todos estes actos coordinador dende o IEM terán lugar o martes ás 20:00 horas no Auditorio Municipal con entrada de balde.