Nigrán participa no proxecto de divulgación científica «Ciudad Ciencia»

 O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a Obra Social «La Caixa» e o Concello de Nigrán puxeron en marcha neste municipio «Ciudad Ciencia» (www.ciudadciencia.es), un proxecto de divulgación científica que ten a finalidade de que os habitantes do muncipio poidan coñecer, de primeira mán, a actualidade científica e tecnolóxica.

O alcalde de Nigrán, JuanGonzález; a coordinadora de proxectos da área de Cultura Científica do CSIC, Carmen Guerrero e o director da área de Negocio de CaixaBank en Pontevedra Sur, Igor de las Heras, presentaron este martes, 12 de setembro, o proxecto aos habitantes do municipio galego.

«Ciudad Ciencia» pon a disposición das cidades adheridas a este programa actividades de divulgación científica en múltiples formatos (exposicións, conferencias, visitas a centros de investigación, etc.) que se incorporan á programación cultural de cada municipio, así como talleres online de participación cidadá creados por investigadores do CSIC. As actividades abranguen diferentes temáticas e propoñen, por exemplo, crear un horto onde aprender, a través do método científico, conceptos de agricultura sustentable. Outros talleres convidan a coñecer as propiedades do aceite de oliva, do chocolate, incluíndo unha cata, ou a descubrir como funciona o noso olfacto e a súa conexión co cerebro.

ciudad ciencia02

Juan González destacou a oportunidade que supón para Nigrán a súa participación en «Ciudad Ciencia», xa que "a partir de agora os habitantes da nosa cidade poderán coñecer de primeira man o labor da comunidade científica a través dunha oferta de actividades para todos os públicos". Nigrán é o segundo municipio de Galicia en adherirse a «Ciudad Ciencia», xunto con Cangas do Morrazo, que forma parte da iniciativa desde 2013.

"Tratamos de xerar unha contorna de diálogo coa comunidade científica onde debater, informarse, participar e gozar aprendendo sobre ciencia e tecnoloxía a partir dos intereses e recursos existentes en cada localidade", explicou Carmen Guerrero. Pola súa banda, Igor de las Heras, lembrou que "achegar a ciencia á sociedade é unha das prioridades da Obra Social «La Caixa» e a colaboración co CSIC permite reforzar os obxectivos de ambas as institucións".

O proxecto comeza cun espectáculo de monólogos científicos o día 29 de outubro, domingo. O grupo The Big Van, composto por investigadores e investigadoras en activo, responderán de forma divertida e sen perder rigor a preguntas como cal é a forma óptima para encher un volume? ou como funciona un acelerador de partículas? Esta actividade, pensada para aprender e facer rir, celebrarase ás 19:30 horas no Auditorio do Concello de Nigrán (Praza do Concello, s/n). A entrada é libre ata completar aforamento.

«Ciudad Ciencia» lanzouse en marzo de 2012 e actualmente conta con máis de 40 localidades participantes situadas en toda España. Ao longo do curso 2017-2018 a iniciativa seguirá crecendo coa incorporación de novas localidades. Toda a información actualizada sobre a programación de Nigrán pódese consultar na web www.ciudadciencia.es.