A Xunta denuncia que o Concello non informou da contaminación de Praia América

A Xunta vén de denunciar que o Concello de Nigrán "non informou a poboación dos episodios de contaminación rexistrados estes días en Praia América". Segundo a administración autonómica, con data de 9 de agosto envióuselle un escrito "advertindo ao alcalde da obrigatoriedade de informar a poboación do estado das augas, mediante carteis informativos na zona de baño".

Na análise microbiolóxica da mostra de auga recollida o día 7 de agosto na auga do areal de Praia América confirmouse a presencia de Escherichia Coli nunha proporción de >1000 NMP/100ml, superando o valor aceptable establecido de contaminación.

Segundo a lexislación vixente, explica a Xunta de Galicia "unha vez detectado o episodio de contaminación o Concello está obrigado a comunicar á poboación a situación con carteis informativos nos que ben prohiba o baño ou recomende absterse deste de forma temporal por contaminación microbiolóxica".

Este panel informativo deberá completar ao cartel coa cualificación sanitaria. Ademais, manteranse as condicións adecuadas das áreas peripraieiras "e se exporá aos usuarios calquera outra información relevante establecida regulamentariamente".

Segundo a administración autonómica "así se lle esixiu por fax o pasado día 9 de agosto ao alcalde". Catro días despois do primeiro análise negativo "e sen que durante este tempo se informara da presenza de Escherichia Coli aos usuarios do areal, hoxe o Concello de Nigrán comunicaba formalmente a finalización do episodio de contaminación", conlúe a nota da Xunta.