Nigrán vive unha noite de ensoño co concerto homenaxe a Pablo Milanés

Máis de 5.000 persoas encheron onte o campo de fútbol de Lourido para gozar do concerto-homenaxe da Coral Stella Maris e o Concello de Nigrán a Pablo Milanés na única oportunidade de poder ver este ano en Galicia ao que, xunto son Silvio Rodríguez, foron os máximo expoñentes do movemento da «Nova trova cubana». As 3.000 cadeiras dispostas polo Concello enchéronse nunha noite máxica que contou coa presencia sorpresa, para o propio Milanés, do cantante asturiano Víctor Manuel e Luis Emilio Batallán. O evento foi organizado entre o Concello de Nigrán e a coral Stella Maris e contou co patrocinio de Generali España.

O cubano subiu ao megaescenario pouco antes da medianoite tras interpretar a coral de Priegue «Stella Maris» unha ducia de temas, un deles con Diana Tarín. O máximo exponente da nova trova cubana deleitou aos asistentes con algúns dos seus temas máis señeiros: «Para vivir», «'El breve espacio que no estás» (tema no que cantou acompañado da Coral Stella Maris) e «Yolanda», cancións no que un público entregado tamén o acompañou a coro.

Ademáis, houbo a oportunidad de escoitar a Milanés en galego interpretando «Aí ven o maio» co seu gran amigo Luis Emilio Batallán. Pero sen dúbida, o momento cumbre da noite chegou cando, novamente para sorpresa do propio homenaxeado e dos asistentes, apareceu no escenario o seu gran amigo Víctor Manuel, co que se animou a entonar a dúo «Solo Pienso en ti», tema do asturiano que xa interpretaran xuntos no disco «En blanco y negro». Ademais, os dous artistas firmaron posteriormente no camerino o Libro de Honra do Concello de Nigrán que lle achegou o propio alcalde de Nigrán, Juan González, quen incluso subiu ao escenario para dar a benvida ao cubano. Milanés foi acompañado nas súas intervencións polo seu pianista Miguel Núñez e algúns máis dos seus músicos máis habituais.

Durante o espectáculo houbo tirada de fogos de artificio e solta de globos. "Foi unha noite única e irrepetible para Nigrán que sempre será recordada e un honor contar con Pablo Milanés e Víctor Manuel, que quixeron vir a Nigrán para esta homenaxe de xeito totalmente altruista", resumiu o rexedor.