Nigrán inviste preto de 143.000 euros no asfaltado de trece rúas en Camos

O Concello de Nigrán deu hoxe luz verde, en Xunta de Goberno, ao asfaltado de trece rúas da parroquia de Camos por importe de 142.731 € a cargo do Plan Concellos 2019 da Deputación de Pontevedra. Estas atópanse nos barrios de As Pedras, A Lama, A Touza, O Carballal, A Cruz, Marín, Vilar, O Sobral, A Rotea (segunda fase) e A Carballeira.

As obras de pavimentación, que poderán comezar en dous meses e cuxo prazo de execución máximo é doutros dous meses, realizaranse nos camiños Fonte Santa, Candosa, Lodeiro, Sixón, Touza, Seixo, Cruceiro, Piñeiro, Lameiro, Sobral, Rotea, Baleazas e Camiño das Pedras.

"Trátanse todos eles de camiños en mal estado, moi transitados, e que precisan de xeito prioritario ser asfaltados; existe unha débeda histórica co mantemento dos camiños no rural de Nigrán e dende o goberno local estamos a traballar para saldala", sinala o alcalde, Juan González, quen incide en que no plan de asfaltados 2018 renovouse o firme de outras 14 rúas de todo o municipio por importe de 108.900 €, sumándose nos últimos tres anos 383.000 € do Concello só para plans de pavimentación.