Nigrán organiza unha excursión á estación de esquí de Alto Campoo

O Concello de Nigrán abriu hoxe venres a inscrición para unha excursión á estación de esquí de Alto Campoo (Cantabria) que se desenvolverá do 8 ao 10 de febreiro. O prazo de inscrición rematará o día 5 de febreiro e o prezo será de 125 € para nenos de ata 12 anos e de 160 € para adultos.

O prezo inclúe transporte en autobús, dúas noites en hotel de tres estrelas, almorzo e ceas no hotel, comidas a pé de pista e dous días de forfait con seguro. De xeito opcional ofrécense clases de esquí (32 €) e aluguer do equipo (nenos 26 € e adultos 38 €).

Os interesados e interesadas poden inscribirse ata o 5 de febreiro na Oficina de Información Cidadá do Concello de Nigrán de 9:00 h a 14:00 horas. Situada no vértice xeográfico do Val de Campoo, a estación ofrece unhas magníficas instalacións para a práctica do esquí e unha paisaxe inigualable para os amantes da montaña. A estación de esquí e montaña de Alto Campoo, con cumes que superan os 2.200 metros e con rutas como a de Pico Tres Mares, está considerada unha das mellores do cantábrico.