Nigrán celebra o domingo a súa 'San Silvestre Solidaria'

O Concello de Nigrán e a Sociedade Atlética Val Miñor celebran por cuarto ano consecutivo a carreira 'San Silvestre Solidaria' o domingo 30 de decembro para despedir 2018. A proba deportiva, non competitiva, consta de 6 km, con saída ás 19:00 horas dende o Pavillón Municipal de Panxón (lugar tamén da meta) pasando polo porto, o sendeiro azul e Monte Lourido.

Os interesados e interesadas deben inscribirse achegando o mesmo día ao Pavillón 1 kg de alimentos non perecedeiros para o Programa de Alimentos Municipal a cargo dos Servizos Sociais do Concello, que os distribuirán entre as persoas máis desfavorecidas.

nigran san silvestre solidaria 2017 01

A proba rematará ao mesmo tempo que o torneo solidario de Nadal do Futbol Sala Panxón-Nigrán, polo que se celebrará unha gran festa final no Pavillón ás 20:00 horas á que se sumará o Club Baloncesto Nigrán e que constará de chocolatada e do concerto de Argonat Band.

“A aposta deste Goberno polo deporte é total e absoluta —asegura o alcalde Juan González— e cremos que a mellor maneira de despedir o ano é precisamente facendo deporte, facéndoo en comunidade e divertíndonos para que sexamos quen de incorporalo aos hábitos dos máis pequenos”. Foi precisamente o Goberno de Juan González no que, no 2015, iniciou a celebración desta proba que forma parte ineludible xa do calendario deportivo nigranés.