nadal 2018 nigran

Nigrán reactiva o Servizo de Normalización Lingüística

O Concello de Nigrán, a través dunha subvención da Deputación de Pontevedra para a dinamización lingüística, ven de reactivar o Servizo de Normalización Lingüística creado por vez primeira na súa historia no 2016 para facer do galego un vehículo de comunicación común no consistorio. A incorporación durante un ano dunha nova técnica superior, permitirá asesorar á administración en todo o relativo á política lingüística, fixar criterios, resolver dúbidas, propoñer programas dinamizadores, difundir materiais...

Este firme compromiso do goberno de Nigrán coa lingua galega materializouse no pleno ordinario de onte coa aprobación por unanimidade da súa moción para iniciar o proceso de adhesión á próxima asemblea constituínte da Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega.

"Como entidade pública temos a obriga de normalizar e promocionar o uso correcto e xeral do galego nas nosas comunicacións para reforzar a lingua propia, por iso é moi importante para nos retomar este servizo que iniciamos no 2016 tamén grazas a unha subvención. Ao mesmo tempo e na mesma liña, queremos formar parte desta asociación onde os concellos comprometidos coa lingua nos podamos axudar uns aos outros para potenciar o emprego do galego en tódolos planos da vida", destaca Juan González, alcalde de Nigrán.

Compre subliñar que o Estatuto de Autonomía de Galicia atribúelles ás administracións locais competencias en materia de lingua. Correspóndelles concretamente garantir o uso normal e oficial dos dous idiomas, potenciar o emprego do galego en todos os planos da vida pública, e dispor dos medios necesarios para facilitar o seu coñecemento. A creación desta asociación, recomendada pola propia Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia, permitirá que de maneira estable se aglutine a vontade normalizadora das entidades locais e facilite a xestión dos programas conxuntos. En base a isto, nunha xuntanza de diversos concellos o 25 de outubro en Santiago de Compostela, formulouse a proposta de crear esta asociación á que Nigrán desexa adherirse dende a súa mesma constitución.

Declaración contra a violencia de xénero
O goberno de Nigrán aprobou no pleno ordinario de onte e co apoio de tódolos grupos unha moción relativa ao Día Internacional contra a Violencia de Xénero (25 de novembro) na que se expresa o recoñecemento de toda a corporación ás históricas mobilizacións feministas do 2018, o seu completo rexeitamento de calquera tipo de violencia machista e a súa solidariedade coas familias e amizades das mulleres e menores asasinados. Finalmente, declarouse ao Concello de Nigrán municipio libre de violencia de xénero.

"Dende as institucións, e dende a mais cercana, o concello, debemos asumir a nosa responsabilidade social e política, pero tamén dende o conxunto da sociedade adoptando compromisos persoais e colectivos a favor da igualdade, revisando os prexuízos, roles e actitudes cotiás e rexeitando calquera tipo de discriminación de natureza sexista. Só dende a asunción destas responsabilidades Nigrán será un Concello libre de violencia de xénero", recolle a moción do goberno aprobada onte.