UCN lamenta que o parking da Ramallosa leve pechado dende hai tres anos

O portavoz de Unión Centrista de Nigrán (UCN), Antonio Fernández Comesaña, lamentou que "a desidia e falta de xestión do Goberno permita que o Parking público da Ramallosa —xestionado mediante concesión—, permaneza pechado desde fai tres anos". Non entende Fernández Comesaña que durante todo ese tempo o Concello non iniciase ningún expediente administrativo "obrigando aos concesionaria «Establecementos Vale Miñor, S. L.» á súa inmediata reapertura, ou no seu caso, "proceder ao rescate da concesión".

Para Fernández Comesaña é un caso de "incapacidade para tomar decisións" e pon como exemplo o feito de que o Goberno tardou tres anos en someter á consideración do Pleno o escrito presentado pola concesionaria "o día 01/10/2015 e reiterado o 2/12/2016, no que pon de manifesto a acumulación de perdas na explotación", polo que solicitaba para poder levar a cabo o mantemento do equilibrio económico da concesión, ampliar en 10 anos máis a concesión (de 39 a 49 anos), así como aprazar o 50% do canon (6.000 € anuais) ao últimos dez anos.

UCN lembra que o citado Parking vén funcionando desde novembro de 2007, ao resultar adxudicataria a citada empresa da concesión para a “construción e explotación dun aparcadoiro no subsolo da zona verde do PERI-5 da Ramallosa”, catro plantas e 357 prazas de aparcadoiro, cun canon de 6.000 € anuais, así como o uso gratuíto por parte do Concello de 6 prazas de garaxe —sen poder utilizar agora—, por un período de 39 anos, construído a custo cero para a administración.

UCN abstívose na votación do pleno de outubro polo que se desestimou a proposta da concesionaria, "non só por inseguridade xurídica, xa que os informes técnicos non o eran do todo concluíntes ao noso entender, senón tamén, polo alarmante atraso de tres anos, que moito nos tememos poida acabar nun longo litixio con resultado moi incerto para os intereses municipais, dadas as experiencias recentes, tanto en Vigo como Baiona", conclúe o portavoz independente.