Aberta a inscrición nas actividades socio-deportivas municipais de Nigrán

O Concello de Nigrán manterá aberto ata o vindeiro día 21 de setembro o prazo de incrición nas actividades socio-deportivas para os empadroados no municipio. Posteriormente, do 24 ao 28 de setembro, abrirase a inscrición para os non empadroados só en caso de existir prazas vacantes. As clases comezarán a partir do 1 de outubro.

Os interesados e interesadas deben anotarse a través da Oficina de Información do Concello de Nigrán (de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas, e a inscrición non se considera finalizada ata presentar o xustificante de pago da mesma).

A oferta de actividades é a mesma do ano pasado (ximnasia de mantemento, ximnasia para a terceira idade, aerobic, ioga, tai-chi, taekwondo, tenis, zumba, pilates e patinaxe cunha nova monitora; nas culturais mantéñense música, cerámica, pintura e torno) e o horario e os prezos tamén se repiten (100 € cunha bonificación do 25% para empadroados en Nigrán e dun 50% se, ademais, son persoas en dificultades económicas).

Tal e como se fixo por vez primeira o ano pasado, o Concello permitirá o martes e xoves pola tarde o uso gratuíto da sala de máquinas cun monitor ao frente para todos aqueles maiores de idade matriculados en actividades deportivas.