Nigrán 07-2018, mes de festas

Nigrán estrea en Chandebrito «Chan de Folk», perseidas, gastronomía e concerto de Xulio Lorenzo

O Concello de Nigrán estrea, este sábado en Chandebrito, o festival «Chan de Folk», un evento no que se fusiona a xa popular noite de observación das perseidas na parroquia co concerto folk anterior (21:00 horas) a cargo de Xulio Lorenzo, financiado dende a Deputación a través de Musigal. Esta terceira edición adicada a contemplar as bágoas de San Lourenzo contará con guías da Agrupación Astronómica Coruñesa, que ofrecerán as súas explicacións nun punto da parroquia alonxado de toda contaminación lumínica e con gran bóveda celeste.

«Chan de Folk» conta coa colaboración da Comunidade de Montes e a Asociación de Veciños O Castro. Os interesados en acudir ao festival, de non coñecer o lugar, deben presentarse ás 20:30 horas no Concello de Nigrán en vehículo propio ou directamente ás 21:00 no campo de fútbol Chandebrito (lugar que funcionará como aparcadoiro e pegado á carballeira onde se celebrará o concerto e posterior saída á observación). Segundo informa o Observatorio Astronómico Nacional (OAN), este 2018 será un ano "excelente" para poder apreciar este fenómeno porque haberá lúa nova o 11 de agosto.

"A observación das perseidas en Chandebrito ten un grandísimo tirón ano a ano e, dende o goberno, quixemos reforzar a cita uníndoa á música folk en directo. 'Chan de Folk' é un evento que nace coa vocación de permanencia e co obxectivo de por en valor esta marabillosa parroquia do interior de Nigrán", resume o alcalde, Juan González.

O festival, o primeiro do municipio adicado íntegramente ao folk, arrancará coa venda bebidas e choripáns dende as 20:30 horas e o concerto do músico e compositor de Mos Xulio Lorenzo ás 21:00 horas. O artista de Mos estará acompañado do tamén afamado gaiteiro Marcos Campos, o grupo de pandereteiras Arume e o bailarín Chisco de Pereiras. A súa banda a compoñen Roberto Comesaña (acordeonista de Priegue), Carlos Castro á percusión e Diego Bea á guitarra. Xulio Lorenzo toca gaita e flautas.

O Concello de Nigrán iniciou a actividade de observación das perseidas en agosto de 2015, reunindo xa na primeira edición a máis de duascentas persoas. Actualmente está instaurada como unha das propostas de referencia no calendario de verán, sendo unha proposta máis para dar a coñecer Chandebrito.

As perseidas toman o nome da constelación de Perseo porque debido a un efecto óptico da a sensación de que todas veñan desde ese mesmo punto. Tamén son denominadas «bágoas de San Lorenzo» pola proximidade ao seu pico máximo o 10 de agosto (festividade do mártir español do mesmo nome). Non son estrelas fugaces, se non meteoros moi brillantes que viaxan a 59 km/segundo, deixando ás veces unha estela ao seu paso. A súa afluencia é de 100/150 á hora e o seu causante é o cometa 109 P/swift-Tuttlem, que se fragmenta cada vez que a terra cruza a súa órbita.