Nigrán 07-2018, mes de festas

Nigrán reclama á Xunta transporte á universidade, ao Cunqueiro e que intercomunique ás parroquias

Juan González, alcalde de Nigrán Juan González, alcalde de Nigrán

O alcalde de Nigrán, Juan González, asistiu esta mañá en Pontevedra a unha reunión coa Dirección Xeral de Mobilidade para analizar o servizo de transporte público no municipio, xestionado dende ATSA e actualmente en revisión ante a reordenación de tódalas liñas en Galicia prevista pola Xunta para inicios de 2020.González trasladou a necesidade dunha conexión directa co Hospital Alvaro Cunqueiro e a Universidade e a conexión entre as parroquias e o casco urbano do municipio.

A reordinación das liñas prevista para o 2020, fai que a Xunta estea a manter unha rolda de contactos con tódolos concellos para detectar as principais necesidades. Neste encontro para analizar o caso concreto de Nigrán o rexedor trasladou dúas necesidades básicas que deberían contemplar o novo Plan de Transportes: no caso do extrarradio conexión directa co Hospital Álvaro Cunqueiro e a Universidade de Vigo e, dentro do propio municipio, a importancia de que exista conexión entre as parroquias e o núcleo urbao de Nigrán, ademais dunha liña que atravese o Parque Empresarial Porto do Molle e outra que traslade aos veciños directamente aos centros de saúde (Panxón e Xunqueira).

"Esta reordenación de liñas prevista para 2020 ante o fin das concesións é unha oportunidade de mellorar o transporte existente", afirmou o rexedor municipal de Nigrán que subliñaba que o seu Goberno "formulou demandas de sentido común e de auténtica necesidade".

"Non pode ser que un veciño non teña xeito de ir mediante transporte público ao seu centro de saúde ou á Universidade ─matizaba Juan González─ e, moito menos, que non teña forma de chegar ao núcleo de Nigrán".

Por outra banda, cómpre salientar que o polígono industrial de Porto do Molle acolle, actualmente, a máis de 3.000 traballadores nun parque empresarial "que ten por bandeira a sostibilidade e ao que, pola contra, só se pode acceder mediante vehículo privado, é algo que o novo Plan de Transportes ten que contemplar", explica González, quen engade que dende a Xunta "xa lle avanzaron a posibilidade de aproveitar o transporte escolar para determinadas conexións dentro do municipio, como podería ser acudir ao centro de saúde".