Nigrán 07-2018, mes de festas

Jesse Van Ruller e Voro García, grandes protagonistas do NigránJazz 2018

De esquerda a dereita, un dos organizadores de «Rilla na Rúa»; Felipe Villar, director do NigranJazz; Juan González, alcalde de Nigrán e o concelleiro Alfonso Vázquez De esquerda a dereita, un dos organizadores de «Rilla na Rúa»; Felipe Villar, director do NigranJazz; Juan González, alcalde de Nigrán e o concelleiro Alfonso Vázquez

Nigrán comeza a conta atrás para un dos eventos musicais de máis sona de Galicia como é o NigranJazz que esta mañá foi presentada no esteiro da Foz, o marabilloso escenario natural onde se desenvolverá este evento, polo alcalde de Nigrán, Juan González ao que acompañaban o concelleiro, Alfonso Vázquez, e Felipe Villar, «alma mater» do festival dende a súa primeira edición.

Son doce anos dun festival que naceu con intención de quedarse e abofé que o fixo. E o fixo medrando en cada edición, achegando a Nigrán a músicos e grupos de recoñecido prestixio internacional que, antes da chegada do NigranJazz, sería impensable poder escoitalos lonxe dos grandes circuítos. Ese é un dos méritos, que non o único, deste festival que como apuntaba o alcalde Juan Fernández, "sería impensable sen o traballo incansable de Felipe Villar"

Este ano, tal e como explicaba Villar, director do festival e guitarrista, para non ser menos, o NigranJazz 2018 contará coa actuación estelar do guitarrista holandés Jesse Van Ruller en trío e do valenciano Voro García en quinteto, considerado como un dos mellores trompetistas a nivel internacional.

Un dos segredos deste festival e a súa capacidade de combinar, as figuras de prestixio mundial cos músicos galegos máis relevantes do momento, como o caso de Xacobe Martínez Antelo e Dani Font, que cos seus respectivos tríos serán os encargados de abrir o festival o 27 e 28 respectivamente.

A tradicional master class, sinal de identidade do NigranJazz, correrán a cargo de Peter Bernstein o día 27 e Jesse Van Ruller o día 28) e, tamén como é habitual haberá jams sessions posteriores aos concertos que abrirán Emilio Atantes e Diego Alonso con cadanseu cuarteto.

O alcalde de Nigrán, Juan González, chamaba a atención na presentación sobre o feito de que o NigranJazz, ao longo deste tempo, foi crecendo ata ofrecer a día de hoxe, non só “un dos mellores festivais de jazz” do panorama nacional, senón que permite que os centos de persoas que se dan cita no esteiro da Foz teñan preto dun quilómetro de food tracks, lugares onde tomar algo, música de swing en vivo.

“Desde a súa orixe mantemos o compromiso de traer aos mellores músicos internacionais de jazz dando espazo aos galegos. Sen dúbida, Nigrán xa é unha referencia no circuíto nacional de jazz e, pouco a pouco, o noso nome soa máis a escala global. Aquí conseguimos que o jazz non sexa unha música en absoluto minoritaria e que se empape dela un público do máis diverso e interxeneracional”, resumiu o alcalde, Juan González.

O certo é que o escenario natural que ofrece o esteiro da Foz, tamén é unha axuda non só ao festival, senón á música de jazz en xeral porque, tal e como explicaba Felipe Villar, director do NigranJazz e guitarrista, “permite que xente que, doutro xeito non se achegarían a un concerto de jazz, poidan descubrilo y gozalo”.

“Polo Nigranjazz desfilaron algúns dos músicos máis relevantes a nivel internacional dos últimos 20 anos, como Kurt Rosenwinkel, Gilad Hekselman, Michael Canan, Peter Bernstein, Chris Cheek... Era algo co que nin sequera soñabamos hai 10 anos ─lembraba Villar─ e, sobre todo, sempre damos cabida aos galegos, que actualmente teñen un nivel altísimo” e destacaba, por exemplo, “a petición de Jesse Van Ruller de contar á batería co moañés Iago Fernández (xunto ao holandés Clemens Van Der Feen ao contrabaixo)”.

Como hai xa dous anos, o evento gastronómico «Rilla na rúa» acompañará ao festival coas súas camionetas con comida gourmet aparcadas no paseo da Foz e patrocinando a actuación de rúa do grupo das Rías Baixas 'Low Bay Hot Band' na sesión swing da tarde do sábado. O Nigranjazz conta co apoio da Deputación de Pontevedra, a Sociedade de Artistas Intérpretes o Ejecutantes de España ( AIE), a Fundación Mayeusis, Elemental Chefs e Rodosa.