Nigrán constata a recuperación da potabilidade das fontes afectadas polos lumes

A fonte de Rías, no barrio da Rotea en Camos A fonte de Rías, no barrio da Rotea en Camos

As novas análises das fontes de todo o municipio, encargadas polo Concello de Nigrán, revelan que "a maioría das situadas nas parroquias de Camos e Chandebrito xa son aptas para o consumo". Cómpre lembrar, que logo dos terribles incendios de outubro do 2017, que arrasaron a todalidade das dúas parroquias, o Concello que preside Juan González detectou que máis do 50% delas eran temporalmente non potables debido aos estragos do lume. Das 36 fontes analizadas nestas parroquias só 6 aínda non son actualmente aptas.

As fontes non aptas para o consumo son as de Escampado, Levada, Reboreda e Río na parroquia de Camos e Pracíns de abaixo e Regueiro na parroquia de Chandebrito. Entre as recuperadas figuran Fonte da Cruz, Borreiros, Tomadas ou o Castro. Tralo incendio do 15 de outubro e, debido á forte seca, só se puideron analizar 21 mananciais.

Esta información foi trasladada xa ás entidades veciñais das parroquias e o Concello procederá inmediatamente a sinalizar cada unha delas, "repetíndose periodicamente as análises para manter unha información actualizada", indica o Goberno local. En calquera caso o Concello pide á veciñanza "que preste atención á sinalización e non beba mentres se indique unha fonte como non apta para consumo".

O Concello de Nigrán repartiu máis de 70.000 litros de auga nas parroquias de Chandebrito e Camos as semanas posteriores aos incendios. Ademáis de afectar ás fontes, o incendio destruiu canalizacións de traídas comunáis e mesmo dos seus depósitos, motivo polo que os veciños de Chandebrito e boa parte dos de Camos quedaron sen auga, xa que nesta zona non hai abastecemento municipal.