Nigrán 07-2018, mes de festas

O CB Nigrán prepara a segunda edición do «Colebasket»

O CB Nigrán ultima os preparativos para a celebración da segunda edición do «Colebasket», un torneo interescolar de baloncesto no que participan nenas e nenos de diferentes equipos dos colexios de Nigrán e que ten como obxectivo fomentar, entre os escolares, a práctica do baloncesto. A cita terá lugar o sábado, 9 de xuño, no Pavillón Municipal de Panxón onde se habilitarán tres pistas para o desenvolvemento do evento.

De cara a que a organización sexa perfecta, como xa é habitual nos eventos que organiza o CB Nigrán, dende a dirección deportiva do Club se está a traballar coas direccións dos centros educativos así como co profesorado especialista en educación física de cara a dinamizar as inscricións e que, neste «Colebasket» poidan participar nenos e nenas en idade escolar dos centros educativos Carlos Casares, Cruz Camos, Humberto Juanes, Mallón, Panxón e Dunas, é dicir, a totalidade dos colexios de Nigrán.

Cómpre salientar que a inscrición está aberta a todos os alumnos e alumnas, independentemente de que xoguen ou non ao baloncesto. Os diferentes encontros estarán arbitrados polos xogadores e xogadoras das categorías superiores do CB Nigrán.

A directiva do CB Nigrán quixo agradecer aos reponsables dos diferentes centros educativos "todo o apoio recibido na organización desta segunda edición do «Colebasket»