Baiona organiza unha viaxe a Ribadesella con motivo do «Día de Vilas Mariñeiras»

O Concello de Baiona vén de anunciar a organización dunha viaxe a Ribadesella para que os veciños e veciñas que así o desexen, poidan asistir, o sábado 5 de maio á celebración do «Día de Vilas Mariñeiras» e participar nos festexos que se celebrarán na localidade asturiana con motivo desa data. O evento, que se celebrou por primeira vez no ano 2014 en Baiona, xorde para dar a coñecer os municipios que forman o colectivo e poñer en valor os seus recursos turísticos, culturais e gastronómicos.

A Concellería de Turismo de Baiona, que coordina Beatriz González, está a traballar na organización da viaxe de dous días de duración con saída de Baiona o venres 4 de maio e volta na tarde/noite do sábado 5 de maio. O custo total da viaxe por persoa será de 76 euros en cuarto dobre. O prezo inclúe o aloxamento nun céntrico hotel de 2 estrelas en réxime de aloxamento e almorzo buffet, amais das comidas e ceas. A viaxe, subvencionada polo Concello de Baiona, realizarase en autobús.

O Concello de Ribadesella está a elaborar un amplo programa de actividades, no que incluirán diversas actuacións folclóricas e tradicionais, varias mostras gastronómicas e de artesanía, ademais de visitas guiadas polo municipio.
Toda persoa interesada en viaxar a Ribadesella, deberá contactar e inscribirse na Oficina de Turismo de Baiona, no teléfono: 986 68 70 67. Prazas limitadas por rigorosa orde de inscrición. O prazo de inscrición está aberto dende onte sábado, 14 de abril.

As Vilas Mariñeiras
A marca «Vilas Mariñeiras» naceu da unión de cinco municipios que na década dos noventa foron obxecto de Plans de Excelencia Turística. Así, Baiona, Laredo, San Vicente de la Barquera, Llanes e Ribadesella fundaron o Club de Excelencia Turística da España Verde.

Na actualidade, «Vilas Mariñeiras» é unha asociación de seis municipios turísticos situados no marco xeográfico da costa atlántico-cantábrica, que se estenden ao longo de tres comunidades autónomas: Galicia, Asturias e Cantabria. En Galicia, Baiona; en Asturias, Ribadesella e Llanes e en Cantabria, San Vicente de la Barquera, Santoña e Laredo.

Todas estas vilas son portos de mar cheos de tradición e de patrimonio cultural, artístico e natural, que apostan polo traballo en equipo. Todas elas comparten clima, gastronomía, paisaxe e un produto turístico de calidade asociado ao mar. Pero, ademais, cada unha delas conta cunha personalidade forte que a diferenza das súas compañeiras, o que dá como resultado unha oferta variada e coherente que se distingue do resto pola súa orixinalidade, diversidade e calidade. www.villasmarineras.es