I Forum Transfronterizo

Baiona e Talaso Atlántico renderán homenaxe ás vítimas do Thalassa

Costa de Baiona fronte a Cabo Silleiro, onde tivo lugar o naufraxio do Thalassa Costa de Baiona fronte a Cabo Silleiro, onde tivo lugar o naufraxio do Thalassa

Concello de Baiona e Talaso Atlántico renderán homenaxe ás vítimas do Thalassa e á súa única sobrevivente, Arnhild Karlsen, setenta anos despois do dramático naufraxio fronte a cabo Silleiro, na rocha coñecida como «A Punta do Lobo». O vindeiro xoves, 15 de marzo, o consistorio baionés e o establecemento hostaleiro organizarán un evento que lembre para sempre a traxedia.

A homenaxe, á que asistirá Arnhild Karlsen, a única sobrevivente do naufraxio, comezará cunha ofrenda floral onde descansan os restos mortais dos pais e irmáns de Arnhild, no cemiterio de Baiona. A continuación, o alcalde de Baiona, Ángel Rodal, acompañado da directora do Talaso Atlántico, Rosana Canda, descubrirán unha placa conmemorativa na rotonda de Cabo Silleiro, lugar que a partir dese momento pasará a chamarse «Miradoiro do Thalassa». A homenaxe pecharase coa presentación dunha maqueta do barco que estará exposta permanentemente no hotel e cuxa construción supuxo un laborioso traballo de documentación xa que apenas existían imaxes do cruceiro.

O Thalassa chegou ao porto de Vigo procedente de Stavanger (Noruega) o 24 de decembro de 1948. Atracou no Club Náutico de Vigo e pasou alí o Nadal. A súa tripulación, composta por quince persoas, viaxaba rumbo ás Galápagos co fin de establecerse alí no negocio da salgadura iniciado por compatriotas noruegueses. O 31 de decembro decidiron reanudar a súa viaxe, pero o mal tempo fíxolles cambiar de idea ao chegar a Cabo Silleiro. O Thalassa que ía costeando, acabou chocando contra a roca coñecida como A Punta do Lobo, e partiuse en dous. Morreron todos os membros da tripulación, agás unha nena de dez anos, Arnhild Karlsen.