Baiona apraza o Desfile de Comparsas e Enterro da Sardiña ata o domingo

O Concello de Baiona súmase aos concellos do sur de Pontevedra que, polas malas previsións meteorolóxicas para o martes e mércores, aprazan os actos previstos dentro do programa de Entroido.

O desfile de Comparsas, que estaba previsto para o martes 13 de febreiro e o Enterro da Sardiña, que tería que celebrarse ao día seguinte, mércores 14 de febreiro, aprazanse ata o domingo 18 de febreiro.

Así, tal e como sinala o Concello baionés, ás 17 horas sairá, dende a Avenida de Sabarís, o Desfile de Comparsas para rematar na rúa Carabela Pinta. Deseguido, aproximadamente ás 19:30 horas, terá lugar o Enterro da Sardiña, con saída dende a rúa Carabela Pinta para, logo de percorrer as rúas Ventura Misa e Elduayen, rematar na Praia Ribeira.