Nava Castro destaca a importancia dos recursos marítimos galegos na consolidación como destino sustentable

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, salientou hoxe a importancia que a posta en valor dos recursos marítimos galegos está a ter na consolidación de Galicia como destino turístico sustentable. Así o expuxo durante a conferencia que impartiu en Baiona no marco das xornadas náuticas Ibernáutica, que reúnen na localidade pontevedresa a máis dun centenar de profesionais.

Como explicou a directora de Turismo de Galicia, a posta en marcha dun modelo turístico sustentable en Galicia "implica traballar na protección, conservación e posta en valor dos recursos endóxenos da Comunidade", e nese sentido sinalou que nesa líña estase a traballar ao abeiro da Estratexia do Turismo de Galicia 2020, a folla de ruta do turismo galego para os vindeiros anos na que se materializa a aposta por un turismo responsable. Unha estratexia que, dixo, "demostra que a Comunidade galega inclúe medidas diversificar a demanda e especializar a oferta e que marca un modelo de xestión ordenando a planificado".

nava castro ibernautica 02

Castro fixo mención especial "ao aproveitamento turístico de recursos marítimos como claves para a desestacionalización do destino". “É este un dos segmentos turísticos que maior potencial de crecemento ten na nosa comunidade e por iso traballamos no seu impulso”, explicou e puxo como exemplo experiencias turísticas que xa están en marcha como os Minicruceiros costeiros polas rías de Galicia que permiten percorrer as rías galegas de xuño a novembro achegándose aos recursos galegos e que na que nestes meses participaron máis de 1.000 persoas.

Diversificación no Camiño de Santiago
Na súa intervención, Nava Castro tamén se referiu ás experiencias turísticas postas en marcha nos parques naturais que están a favorecer o impulso socioeconómico sustentable dos espazos protexidos e puxo ao Camiño de Santiago como exemplo desta diversificación dos fluxos turísticos que se está a rexistrar en Galicia. De feito, o Camiño Francés concentra a día de hoxe o 60% dos peregrinos que chegan a Galicia, dez puntos menos que en 2013, hai só catro anos.

nava castro ibernautica 01

“Estamos conseguindo que, de xeito paralelo, o resto de rutas medre dunha maneira sostida e ordenada" afirmou a directora de Turismo de Galicia quen engadiu que esta situación non é casual "xa que demostra o traballo que levamos a cabo ao abeiro do Plan director e estratéxico do Camiño de Santiago, aliñado coa nosa estratexia do turismo” e lembrou que "a Xunta continúa a traballar para seguir recibindo turistas que elixen Galicia como destino, apostando por iniciativas que contribúan á desestacionalización e por accións que leven consigo un incremento da rendibilidade das empresas turísticas, sempre baixo parámetros de sustentabilidade e responsabilidade".

Por último, Nava Castro na súa intervención, lembrou que para acadar os obxectivos, "desde Turismo de Galicia trabállase co sector e o resto do resto de administracións e xeodestinos ao abeiro da Estratexia que, cun orzamento de 240 millóns de euros, destina máis do 70% a aspectos relacionados co territorio".