O Concello de Baiona dota ao Campo de «O Aral» de aseos públicos

Operarios da Brigada Municipal de Obras do Concello de Baiona veñen de instalar unha caseta sanitaria no campo de fútbol de «O Aral», equipamentos agardados dende hai tempo pola afección do Erizana e outros usuarios da área deportiva. As casetas distribuiranse en dous aseos, un deles accesible para persoas de mobilidade reducida.

Ambos aseos estarán equipados con inodoros, urinarios, lavabos e compoñentes sanitarios como dispensadores de xabón líquido, de toallas de papel e de papel hixiénico, todos eles en aceiro inoxidable. A instalación supón un investimento de 5.354,25 euros. As novas instalacións, ─que contarán con ligazón directa á rede xeral de saneamento, así como con varios puntos de luz─ quedarán situados nun dos extremos do campo, o máis próximo á bancada esquina con acceso ao parking municipal e próximo aos vestiarios dos xogadores.

O alcalde de Baiona, Ángel Rodal, e a concelleira de Deportes, Mª Jesús Martíns, mantiveron unha reunión coa directiva do Erizana F.C. para coñecer de primeira man as inquietudes do club baionés. Nela, os directivos trasladaron ao rexedor a necesidade de contar con aseos públicos xa que, ata agora, aqueles que tiñan a necesidade de acudir ao aseo tiñan que dirixirse aos vestiarios ou aos urinarios do parking municipal. Rodal comprometeuse inmediatamente con esta petición que agora se transforma nunha realidade.

"Trátase dunha solicitude demanda tanto polo club como por outros moitos veciños e usuarios da área deportiva", explicaba o alcalde de Baiona, xa que o campo de «O Aral» é unha das instalacións máis utilizadas polos baioneses, "especialmente por rapaces das escolas deportivas municipais e clubs de categorías inferiores, así como tamén polos mozos que utilizan a renovada pista de skate e queremos que siga funcionando ao máximo rendemento e que conten cos servizos necesarios para que todos gocen", apunta Rodal.

aseos campo aral 03

Renovación integral
A dotación de aseos públicos ao Campo de «O Aral» é o primeiro paso xa que o Goberno local asegura que a súa aposta pola mellora do campo "vai moito máis aló". Así o consistorio baionés anuncou que reformará integramente o Campo de Fútbol Municipal cun investimento superior aos 265.000 euros con cargo aos fondos do Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra. Os traballos permitirán renovar as instalacións e mellorará tanto o terreo de xogo (6.000 metros cadrados) como a pista de atletismo (2.000 m2) cunha base elástica que previrá lesións.

O bo entendemento entre o Goberno local e a directiva do Erizana F.C., un dos principais usuarios do Campo de Fútbol Municipal de «O Aral», permitiu analizar nas últimas semanas as necesidades do club e das instalacións para decidir cales serían as reformas para levar a cabo.

O Campo de Fútbol Municipal foi construído fai dez anos, polo que o céspede atópase no tempo máxima de idade, e o goberno local planificou as reformas para que continúe a ser o campo de referencia. Durante esta década, «O Aral» converteuse na infraestrutura deportiva máis utilizada polos veciños de Baiona e unha das máis demandadas da provincia. A súa situación no centro da Vila favorece que tanto un dos equipos de referencia como as Escolas Deportivas Municipais, fagan uso das instalacións.