Baiona da un novo prazo dun mes para presentar alegacións ao Plan das Costeiras

O Concello de Baiona dará un novo prazo dun mes para que todos os veciños que así o desexen poidan presentar as súas alegacións ao Plan Especial de Dotacións e Infraestruturas das Costeiras. A iniciativa do Goberno local ten como obxectivo facilitar a presentación de todas as argumentacións e recoller todas as opinións posibles respecto do novo documento.

A Xunta de Goberno do Concello de Baiona aprobará este xoves a apertura dun novo prazo para as alegacións do Plan Especial das Costeiras. Tal e como marca a lei, a medida deberá ser publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) nos vindeiros días, de forma que o novo período de presentación abrírase o antes posible.

Á vista do importante volume de alegacións presentadas nos últimos días e pese a estar aberto o prazo durante os dos últimos meses, o goberno local pretende facilitar aos veciños a súa participación no documento ampliando o prazo en trinta días máis.

“Volveremos a abrir o prazo para facilitar a presentación das alegacións, o que queremos é que se presente cantas máis mellor para enriquecer o documento”, explica o alcalde de Baiona, Ángel Rodal.

Tras a aprobación inicial en Xunta de Goberno o pasado mes de xuño, o Plan das Costeiras foi sometido durante dous meses (o prazo remata este xoves día 14 de setembro) a exposición pública para recibir alegacións e solicitar informes sectoriais. Posteriormente, a Xunta de Goberno deberá dar a súa aprobación provisional e sería o Pleno Municipal o que votaría a aprobación definitiva.