Baiona reinaugura a pista de skate do aral cun deseño consensuado coa mocidade

A pista de skate do Aral atópase xa a pleno rendemento logo da reforma levada a cabo polo Concello de Baiona e que foi consensuada coa mocidade que habitualmente utiliza as instalacións municipais. Entre os traballos desenvolvidos pola Concellería de Vías e Obras, inclúese unha nova rampla para realizar xiros e un novo caixón para os saltos, ademais das labores de mantemento do resto da infraestrutura, co pintado da rampla e do chan.

As melloras da pista do Aral, tamén se centraron na instalación dun perfilado con chapa mecánica e a retirada das vallas. Os propios mozos e mozas da vila foron os que deseñaron os cambios e fixeron chegar as súas propostas ao Concello de Baiona ao longo de varias reunións mantidas durante as últimas semanas.

pista skate aral 2017 01

A pista cumpriu xa 12 anos e a última reforma levouse a cabo hai catro anos. “Estamos moi orgullosos da reforma e do éxito nos primeiros días de inauguración, así como que foran os propios usuarios os que definiran as melloras, porque preferimos que o desgaste, tanto da pista como do resto dos parques de Baiona, sexa por uso e non porque estean infrautilizados”, apuntou o alcalde, Ángel Rodal.