Baiona facilita o abastecemento e saneamento a vivendas sen licencia de primeira ocupación

O Concello de Baiona vén de anunciar a modificación de algúns dos requisitos esixidos para autorizar o enganche aos servizos municipais de abastecemento de auga potable e saneamento para edificacións executadas sen licenza ou sen axustarse á mesma, respecto das que non caiba acordar a adopción de medidas de reposición da legalidade. Isto realízase co fin de facilitar a tramitación aos seus veciños e conseguir que ademais non supoña un gran desembolso económico para eles.

Ata agora, a licenza de primeira ocupación era o único documento que permitía a conexión do abastecemento de auga potable, saneamento, electricidade, gas, telecomunicacións e outros servizos comunitarios. Os propietarios das vivendas que carecían da devandita licenza víanse obrigados a solicitar nestes casos a licenza de primeira ocupación “atípica”, previa declaración en situación de asimilación ao réxime de fóra de ordenación.

Visto que o anterior supoñía un custo bastante elevado e comportaba medidas un tanto desproporcionadas para as persoas que se atopaban nesta situación, coa finalidade de simplificar o procedemento de autorización da prestación destes servizos municipais esenciais, esixirase a seguinte documentación: Escrito de solicitude de prestación dos servizos municipais de abastecemento de auga e saneamento, DNI/ NIF do solicitante, poder de representación, no seu caso, título de propiedade da inmoble, certificación catastral descritiva e gráfica  e reportaxe fotográfica do inmoble, que inclúan: fotografías de todas as estancias que compoñen a edificación, fotografías de todas as fachadas do inmoble, dúas fotografías, tomadas desde ángulos distintos, nas que se observe a edificación sobre a leira na que se implante, e na que se reflicta a totalidade das construcións existentes sobre a mesma, declaración responsable de que non se fixeron obras non amparadas en licenza, comunicación previa durante os últimos 6 anos. (modelo dispoñible na páxina web do Concello).

Non obstante os técnicos poderán requirir outra documentación complementaria. No expediente deberase emitir informe do servizo do arquivo municipal e informe de urbanismo relativo á adopción de medidas de restauración da legalidade respecto das edificacións obxecto da solicitude. O procedemento, tras a emisión dos correspondentes informes técnico e xurídico finalizaría cunha resolución do órgano competente autorizando a conexión dos servizos.