Beatriz González abandona o grupo muncipal popular de Baiona e será concelleira non adscrita

Beatriz González Pérez, seguirá na Corporación Municipal de Baiona como concelleira non adscrita Beatriz González Pérez, seguirá na Corporación Municipal de Baiona como concelleira non adscrita

A concelleira —exconcelleira xa— do grupo municipal do PP, Beatriz González Pérez, que ata o de agora xestionaba as concellerías de Turismo, Educación, Novas Tecnoloxías, Mocidade e Consumo, solicitou na mañá de hoxe a súa baixa no Partido Popular e  como concelleira do Grupo de Goberno. Segundo sinala Beatriz González, "logo dunha longa reflexión tomei a decisión de non rematar esta lexislatura no grupo municipal do PP, senón facelo como concelleira non adscrita".

O pase de Beatriz González á «bancada» dos non adscritos, deixa ao Goberno que preside Ángel Rodal nunha comprometida situación para o que queda de lexislatura xa que terá, por primeira vez, en minoría. O grupo de Goberno queda con 8 concelleiros e concelleiras, mentres que a oposición pasará a sumar nove concelleiros e concelleiras —4 PSOE, 2 BNG, 2 EU e 1 a que xa é concelleira non adscrita, Beatriz González Pérez—. Serán sete meses complicados para o actual Goberno baionés.

Na súa carta, remitida aos medios de comunicación, Beatriz González, sinala que, para ela, comezar a miña actividade política "tiña un fin único: desenvolver a miña vocación pública para tentar mellorar as condicións de vida da cidadanía de Baiona. Con todo, non se me deu voz e atopeime con moitos obstáculos para poder realizar as miñas funcións da maneira que eu consideraba oportuna". Por se quedaban dúbidas, a exconcelleira popular asegura que "sinto que non podo seguir enfrontándome ao meu propio equipo desde dentro xa que a xente de Baiona, que é realmente para quen eu traballo, merece ser coñecedora das nosas discrepancias internas".

"Hai tempo que as nosas diferenzas agudízanse pero sempre dixen que me parecía inxusto ter que marcharme eu, cando a miña implicación con este cargo que alegremente aceptei un 13 de Xuño de 2015, foi total e absoluta. A pesar dos intentos de moitos por que deixase a miña acta, sinto que o traballo que levei a cabo durante estes tres anos aválame".

Beatriz Gonzalez explica nese escrito, o que para ela debería ser un partido político, "unha como ferramenta de cambio social, pasando por recoñecer que como políticas estamos ao servizo da ciudanía e non ao revés. Como mostra a miña decisión, non entendo a política como un medio de vida".

"Sinto a necesidade de finalizar agradecendo o labor dos traballadores e traballadoras do Concello de Baiona especialmente daquelas persoas delegadas nas concellerías que dirixín, aos equipos directivos dos centros educativos de Baiona e asociacións de nais e pais", afirma a concelleira Beatriz González que, por unha banda, agradece o respaldo "das persoas que neste tempo mostráronme o seu apoio, a aquelas que coas críticas construtivas fixéronme mellorar". Deixa claro Beatriz González que moitas desas persoas tiñan "unha visión política diferente á miña" pero non obstante "entenderon que o primeiro é o respecto e que o realmente importante non é o que nos diferencia, senón a meta común que queremos alcanzar".

Finalmente, deséxalles aos seus excompañeiros e excompañeiras "o mellor no persoal" e por se cabía algunha dúbida, deséxalles o mesmo "a aquelas persoas que se encargaron de facer do meu paso polo Concello o máis desagradable dos camiños. Precisamente esas experiencias negativas fixéronme o suficientemente forte para dar este paso", conclúe a exconcelleira popular.