Conclúen as obras do proxecto Pontus Pedestrian

O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, desprazouse hoxe ata o concello de Baiona coincidindo co final das obras do proxecto Pontus Pedestrian, realizado ao amparo dunha das liñas de axudas postas en marcha pola Consellería de Cultura e Turismo neste ano 2018. O delegado estivo acompañado na súa visita polo Alcalde de Baiona, Ángel Rodal, a Primeira tenente de Alcalde e Concelleira de Medio Ambiente, María Iglesias, e polo Concelleiro de Urbanismo e Infraestruturas, José Ángel Bahamonde.

Os traballos consistiron na construción dunha pontella peonil de madeira na praia da Ladeira, cunha achega de preto de 29.000 euros por parte da Administración autonómica. O Goberno galego ampliou este ano os fondos dirixidos a concellos, mancomunidades ou xeodestinos, entre outros, co obxectivo de profundar na colaboración coas administracións locais e mellorar as infraestruturas turísticas a través do seu embelecemento, a mellora da sinalización ou da accesibilidade, principalmente. Así, a liña para potenciar estes recursos incrementouse ata os 2,8 millóns de euros. Ademais, mentres que ata agora procedían de fondos europeos, nesta edición pasaron a ser fondos propios.

A nova senda construíuse no treito da praia de Ladeira de acceso ao merendero e ao cámping que conecta co paseo Litoral. Esta senda dá continuidade á pasarela de madeira existente próxima á zona dunar.

“Ata agora os peóns debían abandonar a seguridade do paseo e cruzar por unha plataforma asfaltada, sen beirarrúas, onde o uso prioritario era o do automóbil. Con esta nova construción solucionouse esta discriminación ao peón, evitando riscos da vía compartida, construíndo este tramo do paseo que completa os tramos existentes”, destacou o alcalde, Ángel Rodal.

Rodal detallou que “se construíu un paseo de madeira no marxe noroeste da calazada, con protección mediante varanda nas dúas marxes de 100 metros de lonxitude, que une o paseo peonil existente e proporcione un acceso seguro tanto ao Cámping como á Praia Ladeira e á zona de merendero”.

Esta nova actuación súmase á anunciada no mes de maio pola Conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, que avanzou a licitación dunha nova senda no treito da praia de Santa Marta, e na que o seu departamento investirá 555.000 euros. Esta senda dará continuidade ao carril-bici existente, e inclúe a reposición e ampliando da sección da actual pasarela de madeira, de modo que teña un espazo delimitado para ciclistas. Estas intervencións, incidiu tamén Rodal, mostran a aposta da Xunta pola mellora da seguridade viaria e da mobilidade en Baiona, cun investimento total de máis de 1,2 millóns de euros.