López-Chaves destaca as melloras acadadas coa reforma da rúa Elduayen en Baiona

O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, acompañado polo alcalde de Baiona, Ángel Rodal, visitou a localidade para comprobar a “notable mellora” que supuxo a intervención da Axencia Galega de Infraestruturas na rúa Elduayen en canto á reordenación do tráfico. Destacou así a constatable fluidez da circulación nunha zona onde “as retencións na temporada estival eran importantes”.

A nova glorieta executada pola Consellería de Infraestruturas, que favorece as entradas e as saídas ás instalacións da lonxa e do porto deportivo desde a PO-552, xunto á renovada rede semafórica non só supón un cambio visible na fisionomía do municipio, segundo acentuou o representante autonómico, senón que incrementa a seguridade viaria e facilita a mobilidade nesta contorna.