Preto de mil persoas participarán na Festa da Bicicleta do Val Miñor

Na presentación estiveron presentes os tres alcaldes da Mancomunidade do Val Miñor, Ángel Rodal, alcalde de Baiona; Juan González, alcalde de Nigrán e Paco Ferreira, alcalde de Gondomar Na presentación estiveron presentes os tres alcaldes da Mancomunidade do Val Miñor, Ángel Rodal, alcalde de Baiona; Juan González, alcalde de Nigrán e Paco Ferreira, alcalde de Gondomar

O vindeiro xoves, 17 de maio, Día das Letras Galegas, o Val Miñor vivirá unha nova edición da Festa da Bicicleta do Val Miñor, que este ano tócalle organizar ao Concello de Baiona e na que se estima que participen preto de 1.000 persoas dos Concellos de Baiona, Nigrán e Gondomar.

Javier López, técnico de deportes do Concello de Baiona, foi o encargado de explicar as características técnicas da proba na presentación da mesma, sinalando que “os primeiros en saír serán os participantes de Baiona, ás 10:15 da mañá desde o Parque da Palma, para realizar o percorrido ata Gondomar, onde recollerán aos ciclistas do municipio ás 11:00 na Praza do Concello. A saída desde Nigrán será ás 11:30 desde a Praza do Concello, para atoparse os pelotóns dos tres municipios na Ramallosa e comezar o percorrido todos xuntos ata o Parque da Palma de Baiona”.

Pola súa banda, o anfitrión da festa, o alcalde de Baiona, Anxo Rodal, destacou que o obxectivo desta marcha ciclista "non é outro máis que fomentar a práctica deportiva de todos os cidadáns xa que non se poñen límites para participar, unicamente ter máis de 7 anos e estar capacitado para facer 15 Km. en bicicleta, levar casco, e ter ganas de pasar un día de lecer e diversión en familia, percorrendo as rúas do Val Miñor en compañía dos veciños do Val para celebrar un acto de carácter popular e deportivo”.

Rodal tamén agradeceu ao establecemento «A Pedalería» de Baiona a súa implicación coa festa xa que “a novidade deste ano será que se montará no Parque da Palma unha gymkana a partir das 11:00 por parte de «A Pedalería» para os máis pequenos e así desta maneira facer que todos eles independentemente da idade poidan participar do Día da Bicicleta no Val Miñor”

O alcalde de Baiona, tamén agradeceu ao Club BTT Monte Boi de Baiona "a súa implicación coa proba xa que irán acompañado ao pelotón de ciclistas durante o traxecto".

Entregarase á totalidade de participantes un pequeno avituallamiento para repoñer forzas. Ademais, tamén se fará entrega dunha bolsa reflectora para que cada un leve ás súas costas e sexa visible na estrada. O broche final á celebración poñerase co sorteo entre os participantes de tres bicicletas, unha por cada Concello da Mancomunidade do Val Miñor, así como cascos e luvas. Para garantir a seguridade dos ciclistas ponse en marcha un dispositivo policial común para todo o Val Miñor así como outro paralelo de Protección Civil Val Miñor para asegurar ao máximo a seguridade dos pelotóns.

As inscricións realizaranse 40 minutos antes da saída en cada un dos tres puntos o mesmo día do evento, momento no que se entregará o dorsal, cuxo número valerá para participar no sorteo de agasallos.