Ponteareas destinará 50.000 euros a solucionar o problema de exceso de licenzas de taxis

O Goberno local de Ponteareas presentará no vindeiro Pleno da Corporación, que se celebrará o martes 19, unha proposta para aprobar unha partida económica de 50.000 euros destinada a amortizar licenzas de taxi mediante subvención. Xosé Represas, alcalde de Ponteareas, subliña que "é a primeira vez que se dá solución a este problema que se arrastra xa dende hai moitos anos".

Ponteareas recoñece traballo da ciclista Desirée Duarte

A semana pasada, o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e o concelleiro de Deportes, Benito Márquez, recibiron no Salón de Plenos da casa consistorial á ciclista ponteareá Desirée Duarte, campiona absoluta feminina no Campionato de España de Enduro 2018. Desirée estivo rodeada tamén polos representantes das casas comerciais de Biziebike, Don Disfraz e Bo Papel, que son patrocinadores que apoian durante todo o ano a súa carreira deportiva.

Unha enquisa revela que o 70% dos ponteareáns están satisfeitos coa recollida de lixo

O Concello de Ponteareas vén de publicar os resultados dunha enquisa, realizada entre maio e setembro de 2018 en colaboración coa concesionaria FCC, que revela que o 70 % dos ponteareáns están satisfeitos co servizo de recollida de lixo. Esa cifra, no caso concreto do casco urbano, elévase até o 77 %. A valoración tamén varía en función da proximidade do enquisado a unha illa de reciclaxe que, como é lóxico, a maior cercanía, maior nivel de satisfacción e viceversa.

Vintecatro stands de formación profesional abren a II Feira de Ensinanzas Profesinais e Artísticas

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, acompañado de concelleiros do Goberno e portavoces dos grupos da Corporación Municipal, inauguraron a 'II Feira das Ensinanzas Profesionais e Artísticas' que abríu hoxe as súas portas con 24 postos de centros de ensino de formación profesional que, nestes dous días, amosarán aos participantes unha mostra das súa aprendizaxe.

Ponteareas podería contar cunha avenida que conectase a estrada das Neves e a N-120

A Deputación de Pontevedra presentou en Ponteareas o proxecto para construír unha nova avenida que unirá a estrada provincial Ponteareas-As Neves coa N-120. Esta nova estrada, segundo explicou o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, permitirá eliminar o tráfico de paso da vila, mellorar a mobilidade peonil e ciclista, e recuperar o espazo público do centro urbano para as persoas.

A ampliación da EDAR de Ponteareas licitarase neste 2019

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, expresou o seu convencemento de que a ampliación da depuradora de Ponteareas licitarase durante este ano 2019. Despois de meses de negociación entre Concello e Ministerio para a Transición Ecolóxica, o proxecto de ampliación foi contratado en 2018 pola Confederación Hidrográfica. Agora, segundo informa Represas, o proxecto xa foi redactado e entregado e será analizado nas vindeiras semanas polas dúas administracións.

Os veciños de Bugarín contrarios á intención da Xunta de reducir arcéns na PO-254

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas e a tenente de alcalde, Chus Garrote, reuníronse cos veciños de Bugarín para a analizar a intención da Xunta de Galicia de modificar o pintado da estrada PO-254 (Ponteareas-Mondariz) ao seu paso pola parroquia ponteareán. A pretensión da Xunta é habilitar espazos que faciliten o acceso aos barrios existentes a carón da estrada.

Porén os veciños amosaron a súa alarma ao comprobar que a actuación consiste nun simple pintado dun novo carril central de tres metros, sen ampliar a calzada. Desta maneira a Xunta pretende habilitar tres carrís na plataforma a costa do arcén que se reduce á mínima expresión. Pola súa banda o Goberno local asegurou compartir "a preocupación veciñal" pois a previsión da Xunta “implica un notábel risco para a seguridade viaria tanto de peóns, ciclistas como vehículos”.

O alcalde amosouse favorable a habilitar accesos seguros aos barrios “e así o viñemos xestionando coa Xunta”, pero, engade, “o que non podemos admitir é que se faga a costa de eliminar os arcéns, cun simple pintado e sen proxecto nin obra”. Por iso, explica o rexedor local, “comprometémonos cos veciños a realizar de inmediato un estudo técnico que entregaremos á Xunta para que a actuación non se limite ao repintado senón que conleve ampliar a calzada a tres carrís cos seus arcéns”.

A tenente de alcalde, Chus Garrote achacou a situación a “unha falta de planificación e rigor técnico da Xunta” e adiantou que se pedíu á administración autonómica a paralización inmediata da actuación.

Suscribirse a este canal RSS