8.7 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Marzo de 2024
Máis
    HomeO CondadoMondarizTeatro a prol da igualdade en Mondariz

    Teatro a prol da igualdade en Mondariz

    O Concello de Mondariz continúa comprometido coas artes escénicas como ferramenta de creación, expresión e reflexión colectiva. Esta mesma semana comezou a impartirse un obradoiro de teatro a prol da igualdade no Centro Social de Mondariz que chega este ano á súa cuarta edición e se prolongará até principios de marzo, cando o alumnado ofrecerá unha actuación final con motivo do Día da Muller.

    Esta actividade sociocultural, que é gratuíta e xa está completa con 16 persoas inscritas, ten como directora a Avelina Pérez, formada en dirección de escena e dramaturxia na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e cunha longa traxectoria teatral. Un ano máis, está organizada polos Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Mondariz, cunha subvención do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Ademais de ensinar técnicas de actuación e improvisación que melloran a comunicación e a creatividade, este obradoiro busca promover a reflexión social a través da arte e cuestionar prexuízos relacionados coa igualdade de xénero, creando un espazo seguro no que mulleres e tamén homes poidan liberarse e empoderarse.

    Nos últimos anos, o Concello de Mondariz está incluíndo o teatro na súa programación de actividades socioculturais, tanto con representacións de obras no auditorio municipal como con talleres formativos. Nos anos 2021 e 2022, ademais de continuar co obradoiro de teatro a prol da igualdade de Avelina Pérez no Centro Social de Mondariz, a Concellería de Cultura e Igualdade promoveu obradoiros de teatro comunitario nas parroquias de Mouriscados, Gargamala, Toutón e Sabaxáns para poñer en valor a memoria do rural desde unha perspectiva feminista. “As prazas complétanse rapidamente, sobre todo a partir das primeiras edicións. Moitas persoas repiten. Son actividades que gustan porque se realizan en grupo, promoven a comunicación social e fomentan valores como a autoestima ou a confianza. Para nós, o teatro, tanto na programación de eventos coma na axenda de actividades socioculturais, é garantía de calidade”, afirma Anxos Carballo, concelleira de Cultura e Igualdade de Mondariz.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.