8.7 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Marzo de 2024
Máis
    HomeLouriñaMosInfancia e maiores do proxecto 'Atinando Recordos' de Mos, coñécense en persoa...

    Infancia e maiores do proxecto ‘Atinando Recordos’ de Mos, coñécense en persoa logo dun ano carteándose

    AFAGA e o colexio de Atín protagonizan esta iniciativa entrañable e inesquecible para ambas partes

    A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, as concelleiras mosenses de Educación e Política Social, Julia Loureiro e Sara Cebreiro, respectivamente, e o presidente de AFAGA, Juan Carlos Rodríguez, xunto coa coordinadora do Centro de Día de Mos e deste proxecto, Diana Rodríguez, en representación da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Galicia, asistiron esta onte ao acto celebrado no Centro Dotacional de Torroso de encontro entre os participantes do proxecto ‘Atinando Recordos’.

    Os participantes protagonistas do acto foron os amigos por correspondencia deste proxecto que naceu durante o confinamento e que son: os cativos de 5º e 6º de Primaria do CEIP de Atín e os maiores usuarios de AFAGA.

    Depois de máis dun ano carteándose, pequenos e maiores por fin puideron coñecerse en persoa, e intercambiar en man a última carta antes das vacacións escolares de verán.

    Son un total de 41 alumnos os que contactan de forma mensual cos maiores de AFAGA, e a través das cartas vanse coñecendo e construíndo lazos de unión. Esta é una actividade entrañable que permite traballar aspectos tan importantes como a empatía, o cariño, o respecto… o que se convirte nunha experiencia inesquecible para ambas partes.

    O CEIP de Atín conta cun buzón no centro para darlle visibilidade ao proxecto e para que o alumnado poida depositar e recoller as súas cartas.As mestras de 5º e 6º de Primaria responsables de este proxecto son Joana e Fani.

    Esta iniciativa ten dous obxectivos principais: fomentar a estimulación cognitiva das persoas que teñen alzhéimer ou outra demencia, e estreitar lazos de unión entre nenos e maiores, fomentando valores como o respecto e o agarimo cara aos avós e avoas. Os usuarios e usuarias que participan neste proxecto son as persoas que reciben estimulación nos centros de AFAGA. Cada maior ten asignado un alumno ou alumna do colexio de Atín, e entre eles se cartean, é dicir, sempre é o mesmo neno/a que escribe a un mesmo avó/a e viceversa. Desta forma hai continuidade nas historias e mellores resultados a nivel terapéutico.

    Diana Rodríguez, traballadora social de Afaga e coordinadora do proxecto, explica que “a través das cartas, os maiores esfórzanse por atopar na súa memoria eses recordos pasados, esas anécdotas, os xogos, as tradicións, para poder contarllas ao seu alumno ou alumna. Así traballan a memoria e sérvelles de estimulación cognitiva e funcional, xa que son eles mesmos quen escribe as cartas a man”.

    Pola súa banda, Joana Pereiro, profesora de quinto de Primaria e responsable do proxecto por parte do CEIP, sinala que a finalidade é “poñer en valor aos nosos maiores, facendo que os alumnos se interesen por coñecer o seu pasado achegándoos así ás nosas tradicións. Os nenos poderán aprender como xogaban antigamente, como era o ensino, as festas, mesmo o seu propio pobo. Cremos que é importante unir a estas dúas xeracións, e xa que o momento actual obrigounos a distanciarnos fisicamente, isto é unha forma de poder achegalos. Ademais, con este proxecto poñemos en marcha un costume cada vez máis en desuso, comunicarse por carta, a emoción de escribilas e recibilas”.

    A Alcaldesa Nidia Arévalo, felicitou na súa intervención ás mestras, ao director de Atín, Armindo Lorenzo, que deixa o centro este curso, aos cativos e a AFAGA tanto pola excelente iniciativa, como por que se manteña no tempo.

    Tanto os nenos e nenas como os maiores mostráronse moi emocionados no intercambio en persoa de hoxe, que esperaban con moitísimo entusiasmo, xa que puideron coñecer en persoa ao seu amigo/a por correspondencia.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.