A Alameda de Redondela transformouse no escaparate do comercio local

A alameda de Redondela converteuse, durante toda esta pasada fin de semana, nun enorme escaparate onde o comercio local, dos máis diversos sectores, puxo á venda os seus stocks a prezos inmellorables. A iniciativa que dende hai sete anos vén poñendo en marcha a Asociación de Empresarios de Redondela baixo o nome de «Feira Anual de Oportunidades» foi, como así tiña acontecido en anos anteriores, todo un éxito de participación tanto do comercio local, como de público.

Redondela, a «Feira Oulet» e unha fin de semana chea de actividades

A Asociación de Empresarios de Redondela vén de presentar a programación de actividades complementarias que se desenvolverán este fin de semana no marco da «Feira Outlet» que se celebra na Alameda de Redondela para liquidar toda a mercadoría das pasadas campañas. En horario, sábado de 10:00 h a 22:00 h e domingo de 11:00 h a 21:00 h, ininterrompido, a programación prevista para animar as compras e ambientar o entorno durante a Feira conta este ano con diferentes novidades.

O Porriño celebra, esta fin de semana, unha nova edición de «Merca na rúa»

UN ano máis, O Porriño prepárase para vivir unha nova edición de «Merca na rúa» ─a décimo sétima─, unha iniciativa de dinamización do comercio de proximidade que, dende a súa posta en marcha, amosouse como unha ferramenta de extraordinaria utilidade para achegar o comercio local aos consumidores ao mesmo tempo que permite que estes poidan acadar importantes descontos en roupa, calzado, complementos ou artigos deportivos, entre outros moitos.

Redondela prepárase para unha fin de semana de animación e unha «Noite de Compras»

O venres 4 de agosto comezará en Redondela unha nova edición do «Festival Internacional de Artistas de Rúa» unha das actividades estivais máis esperadas polo público de todas as idades xunto cun «Entroido de verán» que nestas datas inicia xa a súa conta atrás. O festival, como sinalaba a concelleira de Cultura, Teresa París, coincide coa «Noite de compras» que organiza a Asociación de Empresarios de Redondela e que manterá abertos o comercio redondelán dende as 20 h ata as 24 horas do venres 4 de agosto.

Ponteareas prepárase para unha nova edición da «Feira de Oportunidades»

A Asociación Comerciantes Tea en colaboración coa Concellería de Comercio de Ponteareas que xestiona Inés Vidal, vén de presentar a sexta edición da «Feira de Oportunidades» que terá lugar este sábado día 5 de agosto e domingo día 6 de agosto. Dende as dez da mañá as rúas Esperanza, Oriente e Praza Bugallal acollerán esta nova edición da Feira que tras o éxito do ano pasado, volve a rúa con todo tipo de produtos e ofrecendo grandes descontos aos clientes que poderán atopar, dende roupa e calzado, ata complementos, produtos de decoración, deportes, estética, telefonía móbil, óptica ou perruquería.

A Federación de Comercio de Ponteareas presenta o domingo a súa imaxe corporativa

A Federación de Comercio, Hostelería, Praza de Abastos e Servizos de Ponteareas, en colaboración coa Concellería de Comercio que dirixe Inés Vidal, presenta este domingo día 30 de xullo ás 12 horas a súa imaxe corporativa. Será nun acto que terá lugar na Praza Bugallal e a que, segundo a Federación de Comercio, "están convidados tódolos comerciantes da vila, colectivos e veciños que queiran coñecer a orixe e os obxectivos da Federación de Comercio, Hostelería, Praza de Abastos e Servizos de Ponteareas así como os seus próximos proxectos".

Suscribirse a este canal RSS