“Cando remate a temporada turística, Rías Baixas estará moi ben posicionada en Galicia e no conxunto do Estado” asegurou a presidenta da Deputación ao dar a coñecer os datos de ocupación do mes de xullo rexistrados polo Observatorio de Turismo Rías Baixas. En establecementos hoteleiros a ocupación media foi do 65 %, “un salto importantísimo con respecto a xullo do 2020, ao medrar 17 puntos, o que sitúa á provincia de Pontevedra como un destino moi potente e resiliente”, informou Carmela Silva.
“Os establecementos hoteleiros de todas as comarcas –destacou a presidenta– superaron con creces os resultados acadados en xullo do 2020”. Así, a comarca de Vigo chegou ao 77 %, 29 puntos máis que o pasado ano; O Morrazo ao 76 %, 8,8 puntos máis; O Salnés ao 74 %, 23,7 puntos máis que en xullo do 2020; a comarca de Pontevedra ao 71 %, 25,7 puntos máis; o Baixo Miño chegou ao 70 %, 17,6 máis; Deza e Terra de Montes ao 55 %, 17,2 máis; O Condado e A Paradanta superaron o 53 %, 6,4 puntos máis que en xullo do 2020 e a comarca de Caldas o 50 %, 11,3 máis. No que respecta aos concellos, os establecementos hoteleiros de Vigo superaron o 81 %, os de Baiona o 80 %, os de Sanxenxo o 77 %, os do Grove o 69 % e os de Pontevedra o 68 %.
En canto ao turismo rural, a ocupación media na provincia foi do 73,3 %, o que supón 8,8 puntos máis que en xullo do 2020. “Non medrou tanto, en comparación cos establecementos hoteleiros, pero porque as casas de turismo rural xa foron os aloxamentos que a cidadanía escolleu maioritariamente o pasado ano”. Neste eido, Baixo Miño superou o 86,5 %; O Morrazo o 84,2 %; a comarca de Caldas o 83 %; O Condado e A Paradanta o 77,7 %; a comarca de Pontevedra o 67,2 %; a de Vigo o 66 %; O Salnés o 64 % e Deza e Terra de Montes o 58 %. Pola súa banda os cámpings rozaron o 61 % de media provincial, sendo a ocupación do 71,2 % na comarca do Morrazo, do 70 % no Salnés, O Condado e A Pardanta, do 60 % na zona de Vigo e do 31 % no Baixo Miño.
As vivendas turísticas acadaron unha media provincial en xullo do 88 %, 20 puntos por riba do obtido no mesmo mes do 2020. Neste tipo de establecementos a provincia de Pontevedra foi a que concentrou a maior ocupación de Galicia, con visitantes procedentes maioritariamente de Asturias, Castela e León e o País Vasco.
En canto ás visitas ao Castelo de Soutomaior, os datos son “sobresalientes e amosan –tal e como asegurou Carmela Silva– que as iniciativas que estamos impulsando é o que a cidadanía demanda”. Así, en xullo de 2021 visitaron Soutomaior 5.275 persoas o que supón 3.102 máis que en xullo do 2020, e mesmo un incremento do 34 % con respecto a 2019, cando se achegaron ao recinto 3.933 persoas.
No que respecta ao perfil das persoas que acoden ás oficinas de información turística da Deputación foron maioritariamente españolas (94 %) procedentes de Madrid, Barcelona, Bizkaia e Asturias. En canto ás persoas estranxeiras (6 %) proveñen maioritariamente de Francia, Portugal, Alemaña, Estados Unidos e Italia. A media de idade entre os 35 e 60 anos e permanecen na provincia entre 7 e 15 días motivadas/os pola oferta de ocio e cultura.
Previsións para agosto
“Hai que facer as estimacións con todas as cautelas”, asegurou a presidenta ,recordando que “a pandemia cambiou os hábitos das persoas e as reservas prodúcense con moi poucos días antes de viaxar, que a situación e moi variable e que a climatoloxía tampouco esta á axudar”. Sen embargo, nestes momentos, o Observatorio prevé unha ocupación en establecementos hoteleiros da provincia superior ao 71 %. Espéraseun 80 % na comarca de Vigo; de preto do 79 % no Morrazo; no Baixo Miño do 76 %; do 72,4 % no Salnés; do 72,1 % na comarca de Pontevedra; nas comarcas do Condado e da Paradanta superior ao 71,6 %; do 63 % na comarca de Caldas; e en Deza e Terra de Montes por riba do 60 %.
Xa no que respecta a concellos no mes de agosto agárdase que os establecementos hoteleiros de Vigo cheguen ao 75,4 %, de Sanxenxo ao 63,6 %, de Pontevedra ao 63 %, do Grove ao 62,9 % e de Baiona ao 60 %.
Pola súa banda os establecementos de turismo rural da provincia esperan unha ocupación do 80,1 % en agosto. Agárdase un 92 % no Baixo Miño; 89,4 % no Morrazo; do 85 % na comarca de Caldas; superior ao 81 % nas comarcas do Condado e da Paradanta; 75,4 % no Salnés; do 75,2 % na comarca de Pontevedra; do 74,4 % en Deza e Terra de Montes; e do 68,3 % na comarca de Vigo. Nos cámpings a estimación é do 65,5 % de media na provincia, chegando ao 80 % no Condado e A Paradanta, ao 78 % en Vigo, ao 69,5 % no Morrazo, ao 61 % no Salnés e ao 39 % no Baixo Miño. No caso das vivendas turísticas agárdase un 90 % de ocupación.
Campaña ‘É o teu momento’: 13 millóns de impactos
A presidenta da Deputación tamén puxo en valor os “espectaculares” datos da campaña de promoción ‘É o teu momento’, que en xuño e xullo acadou ata 13 millóns de impresións, con máis de 2,4 millóns de visualizacións completas dos vídeos e 46.000 clics nos anuncios. “A nosa promoción segue chegando cada vez a máis persoas o que nos permite seguir posicionando o destino pontevedra provincia”, subliñou Carmela Silva.
No pasado mes de xullo a Deputación desenvolveu u a campaña entre os días 12 e 25 de xullo conseguindo máis de 5,4 millóns de impactos nas redes sociais e medios de comunicación dixital. Durante este período leváronse a cabo tres tipos de anuncios: en vídeo a través de YouTube, Facebook, Instagram e Twitter que sumou os 2,6 millóns de impactos; un carrusel fotográfico en Facebook e Instagram con máis de 1,1 millóns de impactos; e un banner en medios de comunicación dixital que acadou os 1,7 millóns de impactos. En total xeráronse preto de 20.000 clics nos anuncios e detectouse un incremento nas visualizacións completas do vídeo promocional.