A Xunta elimina sete puntos de verteduras incontroladas en Redondela

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de rematar os traballos para eliminar sete puntos de vertedura incontrolada no Concello de Redondela situados nos lugares de Cabeiro, Cedeira, Mamoa do Rei, Trasmaño, Campo fútbol Chapela, Buraca e Río Frío. O delegado da Xunta, Ignacio López-Chaves, acompañado polo alcalde do municipio pontevedrés, Javier Bas, desprazáronse ata o Campo de Fútbol de Chapela para comprobar o estado final das actuacións.

Os puntos de vertido incontrolado son pequenos focos nos que se van depositando e acumulando residuos sólidos de distinta natureza, co prexuízo que isto ocasiona para o entorno, tanto dende o punto de vista ambiental como estético. O material que se adoita a localizar nestes puntos consisten en obxectos domiciliarios, pequenas obras de edificación e de urbanización, como vidro, plásticos, pneumáticos e mestura de residuos de construción. No caso do Concello de Redondela, a acumulación de residuos foi localizada en sete puntos distintos e o seu custe valorouse en máis de 12.000 euros.

Os traballos de acondicionamento na zona consistiron na recollida, clasificación e retirada do material, na revexetación mediante o estendido de terra vexetal e hidrosementeira. Coa limpeza destes puntos de vertido incontrolado perséguese minimizar e corrixir os impactos orixinados nestas zonas, logrando a integración do lugar co seu entorno e eliminando o hábito que na poboación existe de seguir depositando lixo nestes lugares.

Correcta xestión dos residuos
Este tipo de actuacións por parte da Xunta forman parte dunha estratexia global continuada para a correcta xestión dos residuos, na que tamén se inclúen outras instalacións, como son os puntos limpos.

O obxectivo destes programas é facilitar aos concellos o cumprimento das súas competencias en materia de residuos urbanos e permitir aos cidadáns realizar unha correcta xestión, segundo o establecido na xerarquía europea de residuos (prevención, reciclaxe ou valorización material, valorización enerxética e eliminación).

Deste xeito, contribúese á protección dos recursos naturais e dos espazos de interese ambiental de Galicia, mediante actuacións destinadas á recuperación, restauración, adecuación e limpeza dos puntos de vertido incontrolado, en especial dos que poidan afectar aos espazos naturais protexidos da Rede Natura.

Perséguese, por unha banda, reverter a degradación ambiental ocasionada polos vertidos incontrolados (asegurando a conservación da biodiversidade da Comunidade Autónoma de Galicia) e, por outra, promover a correcta xestión dos residuos, mediante a súa reciclaxe e tratamento para a súa conversión nun novo recurso.