Mos e Redondela felicítanse pola sentenza da «PassVigo»

Mos e Redondela, manifestaron a súa satisfacción co auto xudicial dado a coñecer onte no que, de forma cautelar e ata que non se resolva definitivamente o problema nos xulgados, obriga a que o Concello de Vigo expida a tarxeta de transporte urbano «PassVigo» a calquera persoa que a solicite, independentemente do seu lugar de empadroamento. Tanto o alcalde de Redondela, Javier Bas, coma a a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, amosabanse satisfeitos pola anulación cautelar dunha medida "discriminatoria, insolidaria e antisocial".

Veciños e veciñas tanto de Redondela coma de Mos ─amais de todos os da Área Metropolitana─ poden, en virtude do auto xudicial, solicitar a tarxeta e gozar das mesmas bonificacións no transporte urbano que as persoas empadroadas na cidade olívica.

Javier Bas: "O contencioso foi  a única vía que nos deixou Vigo"
O alcalde de Redondela, Javier Bas, nunha rolda de prensa de urxencia convocada a media tarde de onte, aseguraba que "a vía xudicial foi a única saída que nos deixou a Alcaldía de Vigo ante unha clara inxustiza". Bas, que agradecía o traballo realizado polos servizos xurídicos do Concello "para defender dende o punto de vista legal os intereses dos nosos veciños e veciñas" asegurou no encontro cos xornalistas que "antes de chegar ao contencioso, tentamos por todas as vías de negociación chegar a acordos co Concello de Vigo".

Segundo o rexedor municipal de Redondela, a posta en marcha da PassVigo "provocou enfrontamentos entre veciños e veciñas de Vigo e Chapela que conviviron pacífica e armoniosamente durante tantos anos" e aos que puxo fin unha serie de "toma de decisións erradas" por parte da Alcaldía de Vigo. Tivo palabras de agradecemento, Javier Bas, para os veciños e veciñas "que nos apoiaron á hora de adoptar esta solución que foi a única que nos deixou a Alcaldía de Vigo ante un trato discriminatorio cara a nosa veciñanza".

O alcalde redondelán asegurou que defenderá "por enriba de todo, os interese dos veciños e veciñas de Redondela" e afirmou que así o fixeron el e o seu equipo de Goberno "cando tivemos que enfrontarnos a Fomento, á Xunta de Galicia e o volvemos a demostrar agora que temos que enfrontarnos con Vigo". "Cando haxa algo inxusto que prexudique aos nosos veciños, sempre estaremos ao seu lado", afirmou con rotundidade Javier Bas.

Javier Bas tivo duras palabras para o BNG e PSOE aos que acusou de "servilismo co alcalde de Vigo" e aseugou que se sentía "decepcionado" coa actitude de ámbolos dous partidos "que se alinearon co alcalde de Vigo e tan só nos deixaron a vía do Contencioso".

Nidia Arévalo, "unha medida inxusta, ilegal e anticonstitucional"
A mesma satisfacción que Concello de Redondela co auto xudicial, a amosaba o Concello de Mos que, segundo a alcaldesa Nidia Arévalo, "estaban sendo prexudicados por unha medida inxusta, ilegal e anticonstitucional". Arévalo lamentaba que “socialistas e GañaMos estean a darlle a espalda aos veciños na problemática da Tarxeta Verde do Vitrasa e a renderlle pleitesía ao alcalde de Vigo votando en contra da reclamación á cidade olívica”.

Lembraba a alcaldesa de Mos, que numerosos veciños e veciñas de mos "acuden a Vigo ao Hospital e a consumir nas áreas comerciais, a facer cidade, en definitiva; e a moitos destes mosenses, coa desaparición da Tarxeta Verde, non lles dá o soldo para viaxar no Vitrasa”. Eses veciños e veciñas, engadía a rexedora municipal de Mos, "poderán agora continuar a facer a súa vida diaria cos mesmos dereitos que tiñan antes e coas bonificacións no transporte que lles repercutía a Tarxeta Verde do Vitrasa".

Nidia Arévalo sempre insistiu en que a substitución da Tarxeta Verde do Vitrasa pola PassVigo "era unha medida discriminatoria, insolidaria e antisocial, ademais dun ataque directo ás persoas con menos recursos; e é inconstitucional, ilegal e contraria aos principios esenciais de convivencia. É unha situación de discriminación que non se produce en ninguna outra cidade de toda España”. Agora o xuiz Luis Ángel Fernández respalda este argumentario de Arévalo e obriga ao Concello de Vigo a conceder indiscriminadamente a tarxeta Pass Vigo.

Xa o 28 de febreiro se celebrara no salón de sesións do Concello de Mos unha Xunta de Voceiros na que se decidiu o procedemento municipal a seguir respecto da problemática xerada coa Tarxeta Verde de Vitrasa, que moitos mosenses perdían ao pasar Vigo a restrinxir o seu uso aos empadroados na cidade olívica mediante a nova Pass Vigo. Da reunión extraeuse a decisión de presentar un requerimento ao Concello de Vigo, tras o cal iniciaríase a vía xudicial emprendendo un procedemento contencioso administrativo.

No requerimento presentado polo Concello de Mos solicitábaselle a Vigo que “cese na utilización do criterio de empadroamento como condición para poder desfrutar de tarifa bonificada no servizo de transporte colectivo urbano de viaxeiros ao ser este un criterio manifestamente contrario a dereito que vulnera o principio de igualdade establecido no artigo 14 da Constitución Española” tratándose, polo tanto, a medida adoitada polo alcalde de Vigo, "dunha acción anticonstitucional e ilegal a todas luces".

Nidia Arévalo, inistía en que o Concello de Mos non pedía ningunha bonificación especial para os mosenses, "senón únicamente o que lles corresponde por lei e por dereito, tan só que se cumpla o que a lei establece, tal e como ao final viu a ratificar o auto xudicial".