O PSOE abandona o Pleno redondelán en solidaridade coa veciñanza de Chapela e Redondela

O Pleno continuou sen os concelleiros e concelleiras do Grupo Municipal Socialista, na primeira fila á dereita O Pleno continuou sen os concelleiros e concelleiras do Grupo Municipal Socialista, na primeira fila á dereita

O «PassVigo» protagonizou hoxe unha tensa sesión plenaria no Concello de Redondela na que os veciños e veciñas de Chapela e Redondela acusaron ao alcalde de "non defender" os intereses veciñais no que fai referencia á utilización do transporte urbano vigués que, pola posta en marcha da antedita tarxeta ─reservada exclusivamente ás persoas empadroadas no municipio vigués─ non contará con bonificación algunha para veciños e veciñas de Redondela que habitualmente utilizaban dito transporte.

As explicacións ofrecidas polo rexedor municipal, Javier Bas, non convenceron aos veciños presentes que, ante a imposibilidade de intervir na sesión plenaria, optaban por abandonar o Multiúsos da Xunqueira, lugar onde habitualmente celebra a Corporación de Redondela os seus plenos. Deseguido, eran tamén os concelleiros e concelleiras do Grupo Municipal Socialista os que abandoaban a sesión como protesta "polo trato que se lles deu á veciñanza". Fontes socialistas aseguraban que non é de recibo "que se impida a veciñanza intervir nun problema tan grave e que lles afecta directamente como o do transporte con Vigo".

Doutra banda, lamentaban os concelleiros e concelleiras do PSdeG-Redondela o feito de que "os grupos da oposicion non teñamos a oportunidade de explicar os nosos argumentos"

Ata o de agora, a veciñanza de Chapela e Trasmañó utilizaba a denominada «Tarxeta Verde» que permitía os desprazamentos no transporte público urbano de Vigo (Vitrasa) coas mesmas bonificacións que calquera outro usuario. A posta en marcha do «PassVigo», tarxeta exclusiva para os veciños e veciñas empadroados en Vigo, deixa sen bonificación ás persoas que queira utilizar o Vitrasa dende as parroquias redondelás limítrofes, o que supón un grave prexuízo ás economías dos veciños e veciñas.

Os grupos da oposición, dende a supresión da Tarxeta Verde, acusaron ao goberno local de Redondela "de falta de diálogo" co Concello de Vigo ao considerar que o consistorio redondelán tiña que chegar a un acordo pactado que dera unha solución á utilización do transporte público aos veciños e veciñas de Redondela. En todo caso, o Concello de Redondela denunciou ante a xustiza a medida adoptada, unilateralmente, polo Concello de Vigo e agora, tal e como sinalou o alcalde redondelán "só queda esperar que decida o xuíz".