Máis de 250.000 euros da Deputación para que Redondela contrate a 20 persoas

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar unha nova achega do «Plan Concellos» para o Concello de Redondela que permitirá que Redondela poida contratar a 20 persoas. Esta achega faise ao abeiro da liña 3 destinada ao fomento do emprego e para a conservación e funcionamento de bens e servizos municipais.

Concretamente, a Deputación de Pontevedra investirá en Redondela 265.214,76 euros cos que poderá contratar a 20 persoas para elaborar traballos de conserxería, guía turístico, tarefas administrativas, xardinería, electricidade, prevención de riscos profesionais e na biblioteca.

Este ano, a liña 3 do Plan Concellos está dotada de 9.540.000 euros, un 2,5% máis que no 2017. Con esta achega ao concello de Redondela, tal e como anunciou a Presidenta Carmela Silva “xa está concedido o 88,8% da liña 3, beneficiando a 54 concellos da provincia e empregando a 991 persoas”.