O edificio de Servizos Sociais de Redondela deberá cumprir as normas de accesibilidade

A Agrupación de Electores de Redondela (AER) vén de ter acceso a diversa documentación onde a «Oficina de Atención a la Discapacidad» (OADIS), dependende do «Consejo Nacional de la Discapacidad», informa ao Concello de Redondela de que “os edificios municipais de titularidade pública destinados a un uso público, como é un edificio no que se prestan servizos sociais, deben cumprir as condicións técnicas de accesibilidade nos prazos indicados” .

Esta documentación viu como resposta a sendas denuncias de usuarios de Servizos Sociais de Redondela polas deficiencias en accesibilidade no seu actual edificio, que tamén é coñecido como o “antigo conservatorio”.

Desas denuncias, explica AER, a Oficina de Atención a la Discapacidad (OADIS) concluíu xa no ano 2016 a obrigatoriedade de que tódolos edificios públicos cumpran cos requisitos técnicos de accesibilidade. En todo caso engadía información sobre os prazos legais nos que todo edificio público debera estar debidamente adaptado: “se o edificio construíuse despois do 4 de decembro de 2010 debe cumprir, neste momento, as condicións de accesibilidade, pero se é un edificio anterior, debe cumprir, ditas condicións, a partir do 4 de decembro de 2017”.

AER, que asegura ser “consciente de que Servizos Sociais se vai trasladar en data non determinada a unhas instalación máis novas e modernas”, asegura porén que esta “non pode ser a escusa de que se leven anos sen adecuar a accesibilidade destas instalacións e que se continúe nesta situación ata o traslado definitivo do departamento, padecendo esta situación tanto usuarios como usuarias deste servizo público”.

En todo caso lamenta a Agrupación de Electores de Redondela que “a situación neste intre agrávase pois o Goberno xa superou todos os prazos legais para a adecuación, facendo caso omiso á actual lexislación e consellos do OADIS”, no que, sinalan, é un importante “acto de irresponsabilidade política e social”.