As bibliotecas de Redondela intégranse na «Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia»

As bibliotecas públicas municipais de Redondela ─a Biblioteca P.M. Valle-Inclán de Redondela e a Axencia de Lectura Municipal de Chapela─ están a proceder á súa integración no novo sistema de xestión da «Rede e Bibliotecas Públicas de Galicia» que, entre outras moitas vantaxes, permitirá que os usuarios e usuarias gocen dun carné único que lles dará acceso a todos os fondos bibliográficos de todas as bibliotecas galegas incluídas nesta rede.

Este sistema, como explicaba a concelleira de Cultura do Concello de Redondela, Teresa París, xa se implantou nunha primeira fase nas Bibliotecas Nodais da Xunta de Galicia así como nas dos concellos de Vigo, Sanxenxo, Laxe, Oleiros e Ortigueira. A segunda fase abrangueu a 70 bibliotecas e axencias de lectura municipais de diferentes concellos, entre os que se atopa Redondela.

París explicaba que todos os traballos que se están a desenvolver, están encamiñados "a conseguir un sistema de xestión bibliotecaria que permita mellorar o servizo para os usuarios de cada biblioteca ao crearse un catálogo único, accesible a través da web https://rbgalicia.xunta.gal".

Ademais, os usuarios terán un carné único de bibliotecas que dá acceso aos servizos de todas as bibliotecas públicas integradas. Usuarios das nosas bibliotecas, explica Teresa París, "poden, co seu novo carné, acceder a todos os fondos bibliográficos das bibliotecas públicas de Galicia que formen parte desta rede galega".

Desde a concellería de Cultura e o servizo de bibliotecas, "anímase a que os usuarios soliciten a súa nova tarxeta da Rede de bibliotecas integradas, nas bibliotecas do noso municipio que, ademais, neste 2018, cumpren 50 anos da súa existencia".