O Meco de Redondela satiriza a figura do alcalde de Vigo

O Entroido é momento propicio para, nuns casos, finxir ser o que non se é e noutros, aproveitar para denunciar aquelas situacións que, noutro contexto e sen Entroido de por medio, serían orixe de serios enfrontamentos. Neste último contexto, o Concello de Redondela vén de instalar o Meco que será queimado o vindeiro martes. Un ano máis, Redondela utiliza a sátira e os xogos de palabras entre a Vespa Velutina e a Vespa Abelutina, nunha clara referencia ao rexedor da cidade olívica.

A inscrición do meco fala sobre as dificultades que, ao entender do Concello Redondelán, crea o alcalde Abel Caballero para a convivendia na área metropolitana, e a compara co problema que supón a vespa asiática que non deixa crecer ás abellas autóctonas. Nese dobre xogo de palabras, a inscrición reza que as características da «Vespa Abelutina» son ser "moi agresivas, destrúe o equilibrio natural, elimina a diversidade, acaba coa convivencia pacífica, “PERIGO” manter lonxe de habitats metropolitanos”.