I Forum Transfronterizo

Redondela concentrarase un mes máis en contra da Violencia de Xénero

Todos os meses o Concello de Redondela convoca á cidadanía para que amose, públicamente, o seu rexeitamento á violencia machista Todos os meses o Concello de Redondela convoca á cidadanía para que amose, públicamente, o seu rexeitamento á violencia machista

O vindeiro luns, 15 de xaneiro, Corporación Municipal de Redondela e veciñanza, concentraranse ás 19:30 horas diante da Casa Consistorial para esixir, como o fan todos os meses, o remate da senrazón que supón a violencia de xénero. As concentracións, promovidas pola concellería de Muller e Igualdade que dirixe Teresa París, buscan dar visibilidade a esta lacra social e sensibilizar á poboación de que a eliminación destas condutas violentas contra a muller, é tarefa de todos e todas.

Paralelamente, estas concentracións buscan tamén amosar a repulsa, sen fisuras, da cidadanía redondelá cara a violencia de xénero e o seu apoio a todas as persoas vítimas desta lacra social.

O acto, que se desenvolverá o vindeiro luns 15 de xaneiro na praza do Concello ás 19:30 horas, incluirá ademais da propia concentración a lectura dun texto que será achega, neste mes, do Centro cultural de Cedeira.Posteriormente gardarase un minuto de silencio e se procederá a colocación dunha lona en contra da violencia de xénero no balcón do Concello dende primeiras horas do día.

O Concello de Redondela e os membros do Consello Municipal da Muller convidan á cidadanía redondelá a participar cada mes nesta concentración mostrando así o seu rexeitamento contra a violencia de xénero e calquera outra forma de violencia e a súa concienciación da loita contra un dos principais problemas aos que se enfronta a sociedade actual.