O PSdeG-Redondela culpa ao Goberno local da eliminación da «tarxeta verde» de Vitrasa

A partir do 1 de marzo, a Tarxeta Verde deixará de ser válida para ser substituída por outra exclusiva para as persoas empadroadas en Vigo A partir do 1 de marzo, a Tarxeta Verde deixará de ser válida para ser substituída por outra exclusiva para as persoas empadroadas en Vigo

O PSdeG-Redondela acusou ao Goberno local de “falta de xestión” logo de coñecerse que, a partir do vindeiro 1 de marzo, os veciños e veciñas de Chapela, non poderán utilizar as tarxetas verdes de Vitrasa ao implantar a Vigo un novo sistema de tarxeta que permitirá o acceso ao autobús urbano, amais doutros beneficios na cidade, pero só será accesible para as persoas empadroadas na cidade olívica.

O PSOE redondelán lembra que por Chapela transcorre unha das liñas máis importante da concesionaria viguesa e que da servizo a máis de 8000 veciños de Redondela, moitos habitantes en Chapela, “e outros moitos que se achegan ata esta parroquia para disfrutar deste transporte”.

Dende Chapela, a liña tan só necesita vinte minutos para achegarse ata o centro da cidade. Ademáis, apuntan os socialistas redondeláns, “outras liñas transcorren polas parroquias de Trasmañó, Vilar, Cabeiro e Negros, comunicando así estas parroquias de Redondela coa cidade de Vigo”.

O PSOE de Redondela lembra que no pasado, ante un problema similar, “o alcalde socialista Xaime Rei, acadou un acordo co alcalde socialista da cidade de Vigo e a medida de eliminación da tarxeta verde quedou en suspenso”, polo que lamentan que, agora, o alcalde de Redondela “pese a ser consciente do que significa a perda da tarxeta verde para a veciñanza de Redondela, non realizaou ningunha xestión nin se reuniu có alcalde de Vigo para acadar acordos e non perder este beneficio para a cidadanía redondelá”.

Os socialistas solicitan que o alcalde de Redondela reúnase co rexedor vigués para acadar un acordo mentres non se constitúa a área metropolitana, onde introducirase o transporte urbano vigués. Ademais, paralelamente os socialistas están a convocar reunións coas asociacións e a veciñanza das zonas afectadas.

O concelleiro socialista Mauro Álvarez declara “non se pode entender que a falta de xestión do Goberno popular penalice unha vez máis a veciñanza de Redondela” e engade “no pasado Xaime Rei foi quen de defender este beneficio que tanto loitaron os veciños e veciñas, e agora consideramos que tamén se pode chegar a acordos, sempre e cando o alcalde de Redondela faga as xestións oportunas, para non perder a tarxeta de transporte”.