I Forum Transfronterizo

Fomento anuncia a reordenación no acceso á AP9 en Chapela

O director xeral de Estradas do Ministerio de Fomento, Jorge Urrecho, e a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Ana María Ortiz, presidiron onte unha reunión con representantes da Xunta de Galicia, do Concello de Redondela, da sociedade concesionaria da AP-9, Audasa, así como da dirección do centro escolar A Igrexa (Chapela) e a súa ANPA, na que lles trasladaron que se acometerá unha reordenación de movementos do acceso da N-552 cara á AP-9, á altura do centro escolar.

A reordenación, tal e como se explicó na reunión, ten como obxectivo facilitar a incorporación do tráfico mediante o terceiro carril executado de forma provisional. Durante o encontro, tamén se analizaron as medidas de seguridade xa adoptadas no centro, asegura Fomento, "ata que o novo colexio estea construído".

Nas medidas de seguridade tratadas, segundo o Ministerio, "abordáronse tanto o muro de formigón executado (calculado para soportar o impacto dun vehículo pesado), sobre o que se dispuxo unha pantalla antirruido, como o sistema de contención mediante barreira ríxida de formigón que se dispón ao longo da fronte do colexio".

Con estas medidas, afirma Fomento, "melloráronse de forma substancial as condicións de contención e seguridade do centro educativo e a súa separación da autoestrada con respecto ás que tiña con anterioridade ás obras".