Terceiro carril de Rande: benvidos á rateira

A Ponte de Rande está chamada a seguir dando moito que falar, non xa polo controvertido das súas obras, senón polos propios carris exteriores, os chamados «terceiros carrís» e que na mañá de hoxe puidemos comprobar que son o máis parecido a unha rateira que temos mirado dende hai tempo.

Enganan. Todo hai que dicilo. De entrada enganan. Dende que, circulando pola AP9 cara a Pontevedra, se toma o terceiro carril ─cunha entrada estreita, demasiado estreita, na que hai que estar moi pendente para non acabar na estrada de Redondela─ un ten a sensación que, aqueles que se queixaban, esaxeraban. O primeiro treito, con beiravías, estreitas pero beiravías despois de todo, ofrece unha relativa sensación de seguridade. Nun caso de accidente leve, os vehículos implicados pódense arrimar á beiravía sen interrumpir en execeso a circulación.

Esa sensación de seguridade desaparece por completo xa antes de chegar aos primeiros piares. Alí, desaparecen, literalmente, as beiravías e o comezase a sentir unha sensación de agobio. Se pasar a ponte polo terceiro carril nun día soleado e sen vento xa «acongoja» moito, non queron nin pensar o que ten que ser pasar por aí, de noite, chovendo e con moito vento, dese vento ben coñecido polos que circulamos pola autopista, que leva o coche dun lado a outro. Unha risa. Outro detalle curioso, dos moitos que ten a obra, é que, pasados os piares, as beiravías que si existían na entrada, non existen ata case que a curva de incorporación curva que da paso á glorieta para ir ao Morrazo ou Vilaboa.

En canto os condutores tomen conciencia da perigosidade dos terceiros carris, a solución que adoptarán é ben sabida por todos: optar polos dous carris centrais e deixar para os amantes dos deportes de risco, as novas vías. Dito doutro xeito, a obra millonaria, que estaba chamada a ser «o desatascador» da AP9, quedará máis ou menos infrautilizado.